Vinte e dous espellos
O espello non é noso?, 22 fotógrafas / 22 autorretratos é o título da exposición que ten lugar no espazo CUBO ata o 5 de decembro. Nela vinte e dúas artistas amosan os sus traballos nos que a identidade, o xénero ou os prexuicios sobre a imaxe da muller son abordados de maneira autorreferencial. (Fotos: Bea Barros)
Escrito por: Elena Álvarez Francisco
O espazo CUBO expón ata o 5 de decembro a mostra O espello non é noso?, 22 fotógrafas / 22 autorretratos, enmarcada nun proxecto global no que se propón unha reflexión sobre a imaxe, o xénero e a ollada. Para afondar nisto, Alfons Freire, responsable do proxecto e curador da exposición, achéganos tamén o número 1 dos Cadernos de estudos visuais, no que oito profesionais do sector plasman os seus pensamentos arredor deses tres eixos temáticos. Entre os profesionais atópanse o pintor e escritor Antón Patiño, a investigadora Sabela Fraga Costa e a xornalista Ana Baena. Completando a interesante oferta, os venres teñen lugar un ciclo de mesas redondas e charlas como a deste 22 de novembro, na que Priscila Tamara Retamozo falará da repetición de estereotipos femininos en Instagram e do combate por dinamitalos.
Segundo as palabras do propio Alfons Freire “a idea central é o cuestionamento do xénero na imaxe e na mirada. “Xénero” entendido en dous sentidos. Na arte, como dispositivo normativo que establece o que se pode facer e o que non. E, no ámbito social, como automatismo que naturaliza o que cada unha ha de ser, pensar, facer”. As vinte e dúas fotógrafas traballan nese obxectivo a través de imaxes que preguntan acerca da propia identidade ou da proxectada nos outros; do corpo obxectualizado e, nalgúns casos a través da ausencia do propio corpo.
O autorretrato é unha exploración do propio eu, pero hai ocasións nas que a exploración se fai fóra do físico e a imaxe non reflicte un corpo ou unha faciana, sen por iso deixar de seren autorretratos. Tales son as propostas de Paula Pez e Iria Vázquez. Pola súa banda, Concha de la Rosa sitúase nun escenario moi cinematográfico, no que o entorno ten moito que dicir. O mesmo que Leila Amat, quen ademais, co carácter surrealista das imaxes, evoca e inquire por igual. Edurne Herrán presenta unha serie de fotomatón na que xoga con sucesivos cambios de aspecto. Esta obra forma parte dunha conferencia-acción titulada “Manual para construír identidades”, onde a reflexión sobre a relación entre o aspecto e a identidade nos alerta da presenza da ollada. Esa ollada do outro, quen é e o que interpreta, o que ve a través deses filtros que adquiriu na sociedade actual. Tamén Raquel Calviño nos mostra o seu alter ego nunha foto pertencente á serie “Habitando otro cuerpo”. Na imaxe aparecen as dúas, ela e a súa dobre, de maneira hierática, como estrañas de si mesmas. O ambiente axuda a esa estrañeza. A nocturnidade e a cidade de fondo evócannos certas obras da norteamericana Nan Goldin . Son dúas mulleres? É unha en distintas posicións? Sen dúbida, o espectador queda con ganas de ver o resto da serie.
Esa mirada do outro que mencionabamos anteriormente atópase especialmente presente nas fotos de María Vérez, Lorena Valera, Inés Sánchez e Cristina Brea Lodeiro. Poñen enriba da mesa as fronteiras entre o correcto e o incorrecto ou entre o violento e o sexual. Ás veces, quen mira é a propia artista, como no caso de Charo Lopes e Massy Zaiter. Miradas indirectas que tamén falan. Cando o corpo é identidade en si mesmo convértese en epicentro da obra, como para Mayte Meta, Pilar Yarza, Mara Saiz ou Anna Donaire. Area Erina e Rosa Neutro utilizan nas súas obras uns códigos alegóricos propios, con varias capas de interpretación.
Teresa Charlin fálanos de si mesma con símbolos que veñen a ser prexuízos da sociedade, nun exercicio de metonimia no que acaba falando de moitas mulleres da súa xeración. Interésalle o contraste entre o obxecto artificial e a natureza como xa fixera “A Vida Efémera”, presentada no festival internacional de fotografía Instantes de Portugal. Nese traballo abordara a sobrevalorización da aparencia física, os canons impostos e a cosificación do corpo feminino e a súa sexualidade. A análise da obxectualización da muller nesta mostra tamén se nos podería achegar da man de Suqui Castro, Lupita Hard e Ana Fresco. Esta última dunha maneira incriblemente sutil case camufla un corpo enriba duns libros. Parece que quixera dicirnos que a modo de mesa o corpo da muller podería chegar a soportalo todo.
En total 22 fotógrafas e 22 autorretratos que merecen moito a pena ser visitados no espazo CUBO, en Doutor Cadaval 17, B.