CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

‘O equipo do Cable Inglés’ por Nacho Hortas

A mediados do século XIX, unha pequena vila chamada Vigo comezou unha transformación fulgurante arredor da industrialización do sector pesqueiro, que a converteu na máis importante cidade de Galicia. A importancia que acada o porto como referencia europea fixo que a cidade se convertese en centro neurálxico das telecomunicacións internacionais desde o último terzo do devandito século a través do cable telegráfico. Ao montar as oficinas do cable aquí, un gran número de técnicos ingleses e alemáns trasladáronse á nosa cidade, en moitos casos acompañados das súas familias. Con eles chegaron os seus modos de vida e certos costumes que tiveron unha enorme repercusión.

Os ingleses que conformaban aqueles destacamentos chamábanse a si mesmos, facendo gala do sentido do humor flegmático, «exiliados». Deste xeito, así formaron Exiles Cable Club, o equipo do Cable Inglés. Exiles foi o primeiro club de fútbol creado en España. Os ingleses popularizaron este deporte de tal maneira nesta cidade que en 1903 se fundou o primeiro equipo de fútbol local, o Vigo Foot-ball Club que, sumado ao Real Club Fortuna de Vigo, fundado dous anos despois, darían lugar ao Real Club Celta de Vigo.

CAMELIAS NADAL

Os primeiros partidos de fútbol que se xogan na cidade teñen como escaparate os terreos con nomes como «cadros do recheo», «Malecón» ou simplemente «recheo», lugar hoxe en día urbanizado que coincide coa rúa de Luís Taboada. Normalmente estes primeiros encontros presentaban como rivais aos oficiais e capitáns da escuadra inglesa fronte aos integrantes do Exiles F. C., equipo conformado cos afiliados do devandito Exiles Cable Club. Os socios eran asiduos visitantes da casa de baños La Iniciadora, instalada na cala das Baterías, onde hoxe está a rúa de Cánovas del Castillo. Levábase a cabo unha competición anual entre os socios de ambos os dous clubs. Celebrábase percorrendo a nado a distancia que ía desde as inmediacións da casa de baños ata as boias que marcaban, precisamente, a entrada na cidade do cable telegráfico.

Esta é unha das historias que contaremos os sábados de decembro nas rutas Vigo Caníbal, que organizamos desde Estudio04 en colaboración con Volta Montana, nas que vos convidamos a participar!

Por Nacho Hortas
Arquitecto

[Este artigo está publicado na revista A movida de decembro de 2019 . Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]