UVIGO
FILLOAS

O Coronavirus obriga a cancelar eventos culturais e deportivos en Vigo

O Concello anunciou hoxe a cancelación de todas as actividades programadas polo 8M. Ademais, desde a Xunta prohiben a celebración de calquera evento social, deportivo ou cultural de máis de 1000 persoas. Polo tanto, decenas de eventos próximos, como poden ser a Reconquista, corren o risco de ser cancelados.

Imaxe da representación da batalla da Reconquista do ano pasado | Pablo V.

O omnipresente coronavirus xa se fai notar en Galicia. Con 27 casos confirmados e tres sospeitosos, desde os organismos públicos xa se están a tomar medidas que buscan evitar un maior contaxio. Empezando polo Concello, o Alcalde insta a “previr e actuar con tranquilidade e cautela, sen sembrar alarma”. Polo momento, todas as actividades programadas polo 8M foron canceladas, isto é, a entrega do Premio Ernestina Otero o venres 13, o roteiro Sons de Mulleres o sábado 14, a proxección de La directora de orquesta o martes 17 e o concerto de De Vacas o venres 20.

Desde a Xunta, Feijóo asegurou que por criterios de prudencia limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados. Se ben, aseverou que estas e outras medidas serán debulladas polo miúdo nas vindeiras reunións así como no Consello da Xunta. A única localización con ese aforo en Vigo sería o Auditorio Mar de Vigo, que acaba de confirmar que aplazará todos os espectáculos que tiña programados en marzo. Os de abril polo de agora se manteñen, dependendo das indicacións das autoridades sobre a celebración deste tipo de eventos.

Outro dos grandes aforos da cidade é o Teatro Afundación, que a través de Ataquilla acaba de anunciar un protocolo de actuación. Este vén dicindo que será o organizor ou promotor de cada evento o que decida se finalmente se celebrará ou non. Nos confirman tamén que están analizando pormenorizadamente toda a súa actividade, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias e coa premisa de evitar aglomeracións. Polo de agora, só o concerto de El Arrebato, programado para o venres 13, foi aprazado para setembro.

Estes días tamén estamos a asistir á cancelación dalgúns eventos culturais, como poden ser a presentación do filme Cholitas, o martes 17 no Museo MARCO, ou o concerto da banda ucraína Stoned Jesus na Sala Rebullón o 19 de marzo. No apartado deportivo, o Celta xogará este sábado en Balaídos a porta pechada, as charlas de Marcelino e Esteban Granero que ían celebrar na súa Sede, a Gran Gala do Deporte de Vigo deste mércores, o World Padel Tour de finais de mes e a carreira Vig-Bay tamén anunciaron o seu aprazamento, esta última ao 7 de xuño se todo vai ben. Polo de agora non se anunciou ningún caso máis, pero non se descartan novidades nos próximos días.

CAMELIAS NADAL

Por último, unha das preguntas que rondan pola cabeza dos vigueses e das viguesas é se a Reconquista se vai ou non a celebrar do 26 ao 29 deste mes. O alcalde limitouse a dicir que “pon todo a disposición desde este concello e desde todos os concellos de España ao que digan as autoridades sanitarias de España e de cada comunidade autónoma”, ademais de que están a estudar a situación coa Asociación Veciñal do Casco Vello.