CAMELIAS MASCOTAS

O Concello confirma o aprazamento da Reconquista entre outras medidas

Como era de esperar, a Reconquista 2020 non se vai celebrar nas datas pensadas inicialmente, que eran do 26 ao 29 de marzo. Pola súa contra, a festividade vaise aprazar, mais aínda non hai ningunha proposta en pé. A maiores, outros lugares como parques, bibliotecas, pavillóns, auditorios, museos e demais inmobles municipais permanecerán pechados ata o 29 de marzo, con opción a prórroga. Outros locais de ocio e cultura súmanse a esta medida e tamén pechan as súas portas.

REVISTA NOVEMBRO

O que era un segredo a voces xa é oficial: a Reconquista de Vigo non se celebrará a finais de marzo. As datas previstas para a celebración desta festividade histórica, do xoves 26 ao domingo 29 deste mes, serán aprazadas para cando a situación se normalice. Polo tanto, aínda non hai ningunha data alternativa proposta.

As medidas municipais van máis aló. Os parques infantís permanecerán pechados cunha cinta de plástico, polo que piden responsabilidade a pais e nais á hora de cumprir estas directrices. Os mercadillos populares, como os de Coia ou Bouzas, tampouco se celebrarán. Outros edificios que dependen do Concello, como museos, centros cívicos, bilbiotecas, ludotecas, pavillóns, o auditorio Mar de Vigo e o Municipal, a Casa da Xuventude, as Oficinas de Turismo, VigoZoo ou Vigosónico tampouco abrirán as súas portas, como mínimo, ata finais de mes. No ámbito privado, a gran maioría das salas de eventos están anunciando o seu peche temporal e a cancelación de todas as súas actividades programadas proximamente.

Todas estas medidas buscan reducir as posibilidades de contaxio e incentivar ás persoas a que permanezan o máximo posible nos seus fogares, minimizando a expansión do virus e o colapso do sistema sanitario. Desde A Movida, como anunciamos onte, secundamos na súa totalidade estas medidas, polo que a nosa axenda de eventos queda cancelada ata próximo aviso. Nestes días iremos subindo á web e ás nosas redes artigos pasados, tanto da revista como dixitais, para facer máis amena a espera na casa.