REVISTA ABRIL

O Cine Salesianos proxectará a oscarizada ‘Nomadland’ en versión orixinal

Se a semana pasada laiabámonos da ausencia case total de cine en versión orixinal con subtítulos na nosa cidade, esta toca celebrar que o Cine Salesianos programe dous pases en VOSE de Nomadland, a gran gañadora desta última edición dos Oscars.

O equipo de Nomadland tras recibir os tres galardóns | Chris Pizzello

Hai un par de días celebrábase a cerimonia de entrega dos premios Oscar, os galardóns máis prestixiosos do mundo do cinema. Se houbo un filme que saíu reforzado nesta 93ª edición foi Nomadland, da directora Chloé Zhao: mellor película, mellor directora (segunda muller e primeira chinesa en conseguilo) e mellor actriz principal para Frances McDormand, que con esta suma xa tres estatuíñas (xunto coas de Fargo e Tres anuncios a las afueras de Ebbing, Missouri).

REVISTA ABRIL

O filme xa levaba un par de semanas na carteleira de varios cines da cidade. Iso si, agás os martes nos Yelmo, todas as sesións eran dobradas ao castelán, perdendo gran parte da esencia da obra e, especialmente, da interpretación de McDormand. Por iso resulta unha gran nova que o Cine Salesianos, cuxa programación cinéfila vai de venres a domingo, propoña dous pases en VOSE para todas aquelas persoas que desexen ver o filme tal e como foi rodado.

Desta forma, cada día haberá dous pases, ás 17:30 e 20:30. Destes seis, catro serán dobrados e dous en versión orixinal: venres 30 ás 20:30 e domingo 2 ás 17:30. O prezo da entrada será de 4,50€ e só se poderá coller nos 45 minutos anteriores á proxección. Malia que poida parecer algo anecdótico, sempre é positivo que haxa un aumento da oferta á hora de consumir cine, e especialmente dunha maneira máis próxima á obra orixinal. Se estes dous pases gozan de boa aceptación, o máis seguro é que no futuro siga a haber opción en VO noutros filmes e noutras salas.

Nos últimos meses o Cine Salesianos programou varias das películas que foron galardoadas ou nominadas nesta última edición dos Oscars, como poden ser El padre, Minari, El agente topo ou Tenet.