REVISTA MARZO

O CC Camelias programa unha feira de arte ata xuño

Co obxectivo de promover o arte e a cultura e revitalizar o espazo o Centro Comercial Camelias propón catro meses cargados de actividades nas súas instalacións. Exposicións, venda de arte, concertos, obradoiros e animacións infantís… A programación para marzo xa se coñece.

Banner A Movidiña
Sara Casas, unha das artistas que actuarán ao longo do mes | P. Vázquez

O de Camelias é o centro comercial decano de Vigo, inaugurado en 1994. Como é habitual neste tipo de espazos, a apertura dun novo supón o esmorecemento do anterior, efecto que se está a palpar agora mesmo coa inauguración de Vialia. Con todo, desde o edificio situado á beira de Praza América non están dispostos a darse por vencidos, polo que para os vindeiros catro meses teñen unha ampla programación cultural.

Baixo o nome de Feira de Arte & Cultura, o CC Camelias albergará exposicións de arte permanente de artistas locais, un ciclo de concertos, animacións infantís e diferentes obradoiros e eventos. Para este mes de marzo, concretamente, expoñerán os seus traballos as artistas Nerea Rama, Lucía Perdiz, Rocío Núñez, Nahir Álvarez, Ainoa Simons, Iris Rodríguez, Bárbara Ortega, Lina Lóbui, Gabriela Legaspi, Alejandra Tomé e Anubis Muñoz. Os concertos correrán a cargo de La Franga o sábado 5 de marzo e Sara Casas o sábado 19, ambos ás 18:00.

O resto de eventos confirmados do mes son os seguintes:

  • Dance Festival (sábado 12, 18:30): Da man da escola de baile Stardanza, con diferentes modalidades de baile.
  • Contacontos 8M (sábado 12, 18:00): Tratarase o Día Internacional da Muller a través dos contos “ Cola de sirena” e “ O neno que non quería ser azul e a nena que non quería ser rosa”, cos que se ensinará por que non hai que elixir entre unhas cousas e outras, e que non hai xogos nin xoguetes de nenas ou de nenos; só cousas que gustan, e outras que non.
  • Taller de Manualidades para o Día do Pai (venres 18, 18:00): Os máis pequenos poderán vir a Camelias a pasar unha tarde divertida na que poñer en marcha toda a súa creatividade, e preparar un detalliño especial para regalar aos seus papis no Día do Pai.
  • Xogo a reconquistiña (sábado 26): Gran xogo de pistas para dar a coñecer aos máis pequenos a festa da nosa cidade, a Reconquista. Que comecen a coñecer que é, que foi o que ocorreu en 1809, e quen foron os seus protagonistas. Un xogo dinámico para toda a familia, de procura polo espazo, onde se farán grupos de adultos/ as e nenos/ as (entre 3 e 12 anos). Vigueses contra Franceses, terán que buscar e resolver diferentes enigmas e probas relacionadas con esta festa.
  • Mercados de venda de arte: Algúnhas fins de semana (datas aínda por confirmar), artistas locais presentarán ao público en directo as súas obras, e poñeranas á venda durante a fin de semana.
  • Promoción ‘Invitámosche a unha caña’: Desde este mes, cando tomes algo os sábados nas cafeterías Spazio Caffé, As 5 Tapas e Mokkafé, recibirás unha tarxeta de invitación para unha consumición, cando volvas ao centro comercial outra fin de semana con amigos.