REVISTA ABRIL

‘O casco vello canibalizado’ por Uxío Reinoso

A identidade dunha comunidade é un complexo de difícil concreción nunhas poucas liñas. Ao longo das xeracións, nunha imbricada dialéctica entre diferentes axentes sociais e a realidade material, a imaxe do que caracteriza a un pobo vai mudando. Na miña infancia e xuventude (nacín en 1982), locais e foráneos coincidiamos en que Vigo era unha cidade gris, caótica, fea, hostil… un «sitio distinto», con moito carácter e «movida» cultural, pero difícil para vivir ou visitar. No devalo do milenio, como clara reacción a aquela identidade gris, Vigo pretendeu por riba de todo ser unha «cidade fermosa». E a verdade é que xa non é gris, ao contrario: xa se recoñece «mundialmente» como un lugar rechamante. Algo así como o fogar dun perpetuo arco da vella de cores flúor, capital de #Galifornia.

REVISTA ABRIL

Pero cómpre lembrar que na base deste proceso de beautification non están as luces LED e moreas de flores vermellas e brancas. Na miña opinión, o primeiro, e máis importante fito na conversión nunha «cidade fermosa» foi a rehabilitación do casco vello. Incomprensiblemente, neste proceso decidimos ignorar, abandonar e demoler unha das pezas de maior tamaño e calidade: o espazo da antiga horta do convento de San Francisco do Berbés. Coa urbanización do Barrio do Cura estamos a perder un conxunto de rúas e edificacións de moi diverso tipo (a maioría delas, con máis dun século de antigüidade e boa cantería) caprichosamente disposto arredor dun corazón verde de 10.000 m². Estamos a falar dos restos dun espazo agrícola que se atopa nas orixes da nosa cidade: a capela e os terreos de Santa Uxía foron a base da instalación no século XII dos monxes de Melón en Vigo, nunha directa asociación co nacente poboado mariñeiro do Berbés. Un espazo no bordo da cidade que foi gradual e parcialmente urbanizado para acoller as instalacións dalgunhas das institucións mais importantes da historia de Vigo: o mosteiro de San Francisco (e, dentro del, a escola e a cátedra de artes) a Casa de Caridade (o orfanato municipal), o asilo de anciáns Santa Marta, e a gardería do casco vello.

Os antigos vigueses —anciáns, estudantes, mariñeiros, monxes, orfos e párvulos—, colleron os froitos da horta, a leña e a sombra das árbores, a auga e o frescor do acuífero da Barroca. Por que nós ignoramos este patrimonio verde? Pode realmente unha «cidade fermosa» renunciar a un xardín histórico?  Non será que a nosa auténtica identidade é a de «Galicia Caníbal»?

Por Uxío Reinoso
Historiador e activista

[Este artigo está publicado na revista A movida de setembro de 2019. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]