REVISTA MARZO

O Calvario énchese de mulleres defensoras cunha exposición a pé de rúa

A exposición da Coordinadora Galega de ONGD, que poderá visitarse ata o 22 de xuño, está protagonizada por 15 mulleres defensoras de dereitos humanos de países como Guatemala, Colombia, Palestina, India ou o Chad que traballan man a man coas ONGD galegas, e leva por nome ‘De oficio, defensoras’.

A Coordinadora Galega de ONGD celebra con esta exposición o seu 30 aniversario, “tres décadas de aprendizaxes, traballo colectivo e defensa dos dereitos humanos” asegurou a súa portavoz, Laura Casal. En 1991, dúas organizacións xa desaparecidas (Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios) crearon a Coordinadora Galega de ONGD que hoxe, 30 anos despois, está formada por 43 ONGD que traballan en cooperación internacional, axuda humanitaria e educación para o cambio social e que representan a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras.

Banner A Movidiña

As mulleres defensoras de dereitos humanos dedican á súa vida a protexer a liberdade de prensa, a defender a terra ou a combater a violencia de xénero. “Poñen en risco a súa integridade para defender o territorio e a vida” asegurou a portavoz da Coordinadora. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revela que en 2020 foron asasinadas 331 persoas defensoras de dereitos humanos en todo o mundo, 44 das cales mulleres. Segundo a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos humanos.

Malia isto, as defensoras que protagonizan a exposición seguen adiante co seu activismo. Mulleres como Warda, unha defensora do dereito da saúde que traballa como psicóloga nos campos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf. Como Angélica que desde O Salvador defende a liberdade de expresión e de prensa nun contexto do hostigamento cada vez maior contra as xornalistas. Ou como Nayibis que desde Colombia, o país onde se dan máis casos de asasinatos contra defensoras e líderes comunitarios do mundo, traballa pola reparación, a reubicación e o retorno das persoas desprazadas como consecuencia do conflito armado no país. Elas xunto as miles de defensoras que non participan nesta exposición, “forman unha rede esencial de activistas que protexen todos os dereitos humanos e todas as liberdades fundamentais”, concluíu Laura Casal.

Ante este contexto de violencia e represión “as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e de denuncia da vulneración dos dereitos”, afirmou Casal. Tamén, apoiando comunidades e persoas con proxectos de cooperación internacional que buscan garantir o acceso a dereitos fundamentais. En 2020, as ONGD galegas puxeron en marcha 68 proxectos en 22 países como Bolivia, Mozambique e O Salvador que contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis 400.000 persoas, a maioría delas mulleres e nenas.