UVIGO
FILLOAS

Nove días de teatro infantil no VIII Pequeártiko para pechar o 2022

A Sala Ártika programa novamente por estas datas nove días consecutivo do mellor teatro infantil e de títeres dentro do Festival Pequeártiko, que este ano celebra a súa oitava edición. As representacións terán lugar todos os días, agás o domingo 25, do 22 ao 31 de decembro. Merca aquí as túas entradas.

Tanxarina Títeres ofrecerá o seu espectáculo A galiña azul

XOVES 22 – OLIVIA Y LAS PLUMAS de La Machina Teatro (18:00)

Olivia, a protagonista desta historia, vive nun pequeno pobo preto do bosque. Olivia ten un secreto e é que posúe un don especial: pode comunicarse cos animais. Grazas a este don, un día descobre que o lago se está secando e que os peixes necesitan chegar ao mar. Estes pídenlle que busque plumas para axudarlles. 

Nese momento, Olivia comeza unha intensa procura para recoller decenas de plumas. Pídellas aos pardais, ás cegoñas viaxeiras, á temible aguia… Pasado un tempo, Olivia consegue moitísimas plumas, pero non sabe que facer con elas. Unha noite, mentres fita o ceo estrelado, o vento leva cada unha das súas plumas para dar vida a unha auténtica maxia: Olivia entenderá o porqué de tantas plumas, desencadeando nun final sorprendente. 

VENRES 23 – A VIDA TOLA de Pajarito (18:00)

O peculiar universo desta muller-nena que anda solta polas rúas, fai de cada praza un novo xogo cada día. Xunto con todo o que a rodea, sucéndese momentos de risas inesquecibles a través da súa interacción co público e cos transeúntes que paran a ver as tolerías que lles ofrece esta gran pallasa.

Pajarito é a número un, a número dous e tamén… é patrimonio da humanidade, a oitava marabilla do mundo!

SÁBADO 24 – A ILLA DA DESLEMBRANZA de Ártika Cía (12:00)

Os recordos da avoa de Uxía van e veñen como as ondas do mar e o seu ollar mesmo parece perderse nun océano profundo. Que lle está a pasar? Como Uxía, unha nena de dez anos pode axudar a recuperar eses recordos ou, tal vez, acabarán todos na illa da deslembranza?

A Illa da deslembranza da compañía Ártika é un traballo creado a base de metáforas e gran forza visual que achegará aos máis cativos un tema tan importante como o alzheimer. Iso si, este achegamento farase dun xeito fermoso e suxestivo. Unha obra dirixida principalmente a un público infantil pero que axudará tamén a que os máis maiores se acheguen a esta enfermidade dende o punto de vista dunha nena.

LUNS 26 – A GALIÑA AZUL de Tanxarina (18:00)

Lourenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita. Unha galiña moi bonita e moi rara.Pon ovos de cores. Ademais non di “cacaracá” coma as outras galiñas, senon que di “cocorocó”. E isto ten preocupadas as autoridades.

A Galiña Azul é un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade, destinado ao público infantil e familiar, no que empregamos diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral.

O texto de C. Casares, pedra angular da literatura infantil galega, cobra nova vida neste espectáculo que recolle catro contos do orixinal do autor, nunha diivertida adaptación.

MARTES 27 – ESTRELLAS de Teatre de la Caixeta (17:00 e 18:30)

Espectáculo, sensorial e de aprendizaxe, de teatro- danza para a infancia. As estrelas son esferoides luminosos que manteñen a súa forma debido á súa propia gravidade. Estas estrelas permanecen no ceo na mesma posición durante a nosa vida. Ese é o punto de partida, dúas irmás comparten a súa infancia, a súa madurez e a súa vellez mentres as estrelas contemplan os seus movementos, os seus xogos, as súas alegrías e as súas penas. Nunha montaña rusa de emocións as dúas actrices fan un percorrido por toda unha vida. Unha infancia onde todo é novo e divertido, unha madurez chea de présas e estrés onde non hai tempo para ver as estrelas e unha vellez onde volvemos conectar coa nosa infancia cun gran aire de nostalxia.

MÉRCORES 28 – EL HOMBRE QUE PLANTABA ÁRBOLES de Compañía de Víctor Biau (18:00)

Neste pequeno espectáculo de monicreques e actor cóntase a vida de Eleazar Bouffier. Un humilde pastor que durante anos plantou árbores, e non llo contou a ninguén.

Só ao noso narrador que ao longo do espectáculo irá descubrindo unha das máis fermosas e esperanzadoras fábulas; un esforzo, por pequeno que sexa, pode cambiar o mundo e facelo máis habitable.

XOVES 29 – MI AMIGO EL DRAGON de Títeres sin cabeza (18:00)

O pequeno protagonista desta historia, por medio de cartas dirixidas ás persoas que el considera sabias, vai conseguir superar os seus medos. Os bombeiros, o carniceiro do seu barrio, a avogada… todos eles aconsellarán ao noso novo protagonista para que logre ser unha persoa plena na súa concepción ante a vida. Cancións, sons, cores, diferentes animais e personaxes, diferentes situacións… conforman esta produción creando unha partitura visual e auditiva para compartir unha viaxe chea de sensacións, por medio dos elementos propios dun espectáculo escénico.

VENRES 30 – QUIXOTE de Pedras de Cartón (18:00)

“Quixote” é un xogo cómico inspirado na coñecida obra de Cervantes. Un espectáculo para achegar os clásicos a toda a familia con humor e case sen palabras, no que Don Quixote viaxa polas terras de Castela co seu velocípedo, acompañado do fiel Sancho e un triciclo cargado de maletas.

O segundo espectáculo de Pedras de cartón traballa, de esta volta, cunha estética achegada ás películas de pallasos de Fellini.

SÁBADO 31 – OS TRES PROQUIÑOS de Migallas Teatro (12:00)

CAMELIAS NADAL

“Os tres porquiños” é un espectáculo teatral para os máis pequenos con monicreques, teatro, xogos tradicionais e música en directo. Unha proposta coidada e visual a partir dun dos contos tradicionais máis coñecidos da literatura infantil. Sons, texturas e cores captan a atención das nenas e nenos nunha proposta sinxela e divertida para gozar en familia.