REVISTA ABRIL

Novas datas para os Acustiquísimos de El Kanka e McEnroe

Momentos Alhambra acaba de anunciar novas datas para os concertos aprazados desde novembro. El Kanka e McEnroe estarán en Vigo o 10 e 11 de decembro e Fuel Fandango visitará A Coruña o 17 de decembro. Juan Perro queda cancelado.

A organización do ciclo, impulsado por Art Music co patrocinio de Cervexas Alhambra, tomou a decisión de postergar a actividade musical ata o próximo mes, coa intención de poder ofrecer ao público as sesións programadas para esta Edición Atlántica 2020 sempre que as circunstancias permitan realizalo nas condicións inicialmente previstas.

Deste xeito, os concertos de El Kanka e McEnroe no hall do Auditorio Mar de Vigo pasarán a celebrarse os días 10 e 11 de decembro no mesmo recinto. No caso da cita con Fuel Fandango, esta terá lugar o xoves 17 de decembro no Hall Proa de Palexco (A Coruña). Finalmente, a actuación de Juan Perro non se poderá celebrar debido á falta de dispoñibilidade do artista para introducir novas datas na súa axenda as próximas semanas.

O primeiro encontro acustiquísimo chegará a Vigo da man de El Kanka (xoves 10). O artista malagueño, inmerso na súa ambiciosa xira Pallaso, dará a coñecer os seus últimos traballos e éxitos da súa traxectoria. Os seus concertos están consolidados como auténticas festas da música en directo. Con temas como Lo mal que estoy y lo poco que me quejo ou Canela en rama, El Kanka gaña o agarimo e a confianza do público grazas á súa autenticidade e optimismo. Tres discos e un EP despois, inicia a súa xira máis ambiciosa por máis de 16 capitais. Entre elas, Vigo, porto ao que regresa acompañado pola súa inseparable guitarra.

Ao día seguinte, o venres 11, o público poderá coñecer en directo La distancia, o último traballo dunha das bandas fundamentais da última década do pop estatal: McEnroe. Desde Getxo chega un dos grandes nomes da escena independente estatal, responsables de éxitos como Un rayo de luz ou Los valientes. McEnroe presenta en Momentos Alhambra Acustiquísimos o seu sexto álbum, La distancia (2019), un traballo no que a banda biscaíña mira cara atrás para recoller a esencia do grupo.

REVISTA ABRIL

As entradas compradas para as datas anteriores serán válidas para estas novas citas. Todas aquelas persoas que non poidan asistir polo cambio de día, poden solicitar a devolución do importe da súa entrada nos próximos 15 días -desde hoxe e ata o 30 de novembro (incluído)- enviando un correo electrónico á dirección devoluciones@ataquilla.com. As entrada para o concerto de Juan Perro recibirán de forma directa o reembolso íntegro das mesmas a través da plataforma Ataquilla.com.

As citas da Edición Atlántica 2020 adiantarán a súa hora de comezo ata as 20.30 horas (coa apertura de portas ás 19.30 horas), co fin de facilitar os desprazamentos dos asistentes.

Ademais, tal e como lembra a organización, todos os concertos de Momentos Alhambra Acustiquísimos contan con medidas hixiénico-sanitarias específicas para facilitar o goce da experiencia musical coas máximas garantías de seguridade para público e artistas.

10dec20:30Acustiquísimos: El KankaCONCERTOS | Desde 19,00 €20:30(GMT+01:00) Mar de Vigo

11dec20:30Acustiquísimos: McEnroeCONCERTOS | Desde 16,00 €20:30(GMT+01:00) Mar de Vigo