Nova tempada de música e humor no Ícaro Pub
Este xoves volven os monólogos ao Ícaro Pub con Víctor Grande e o seu show Vamos a ponernos serios na que xa é a 18ª tempada Icariólogos. Ademais, tamén atoparemos un par de concertos do máis interesantes ao longo de outubro.
Volven os xoves cheos de diversión á praza da Independencia cos monólogos e os concertos do Ícaro Pub. A 18ª tempada de Icariólogos comeza este xoves 3 ás 22:30 con Vamos a ponernos serios, o espectáculo de comedia de Víctor Grande. Leva nos escenarios desde 2001, tempo no que lle deu para colaborar na radio, escribir guións para televisión e mesmo editar un libro. Ademais de todas estas facetas, no 2017 a súa webserie Galicia Crime alzouse co premio á Mellor Webserie nos Mestre Mateo.
O xoves seguinte temos concerto de Demasiadas Sombras y Pocas Luces, grupo vigués formado en 2015 por Alberto Malleiro e Luís Suárez “Deker”. Versionando cun repertorio veloz, directo e contundente os mellores éxitos de pop e latin-pop do momento e de onte, dando como resultado temas alegres e enérxicos que conseguirán que non deixes de cantar e bailar con eles en cada un dos seus concertos.
O segundo monólogo do mes será o do veterano cómico madriñeo Félix el Gato, artista que leva percorrendo os escenarios de todo o país en numerosos programas de televisión desde hai catro décadas. Carisma, risos e simpatía da man dun dos históricos da nosa comedia o xoves 17 ás 22:30.
Para pechar o mes, nada mellor que unhas versión musicais dos 80 e 90 en formato acústico co dúo Broke, formado por Román e Toño coa intención de adaptar algunhas das cancións máis emblemáticas destas décadas a modo de ‘unplugged’. Será o xoves 24 a partir das 23:00.