#NonNosCanceles, a cultura galega pide axuda
Profesionais da cultura galega reivindican que se tomen medidas para protexer o seu traballo. Baixo o cancelo #NonNosCanceles, centos de persoas ligadas a cultura inunda coas súas mensaxes as redes sociais.
Estes días as redes sociais arden baixo o cancelo #NonNosCanceles posto en marcha polo sector cultural galego ante a situación que estamos a vivir pola crisis xerada polo COVID-19. O sector cultural foi o primeiro en deixar de traballar e a previsión é que sexa o último en reincorporarse. O estado de alarma finalizará como pronto o 26 de abril pero xa todos sabemos que a volta á ‘normalidade’ será paulatina e serán os eventos culturais e deportivos o último eslabón. Ante esta situación, centos de artistas e profesionais ligados a cultura en Galicia lanzan unha reivindicación para non ser esquecidos. Para facer chegar a mensaxe ao seu público e conseguir que desde a institucións se tomen medidas especificas para o sector cultural. Porque un país sen cultura é un país morto.
Esta é a mensaxe que se está facendo viral:
” O NOSO FUTURO NON PODE SER CANCELADO
#NonNosCanceles
A cultura, no seu sentido máis amplo, tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro. Todas as artes están agora mesmo sufrindo na súa pel a cancelación de toda actividade. O sector cultural galego reclama o coidado, o acompañamento e comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben servir para axudar a que soportemos un golpe desta magnitude. Milleiros de artistas en xeral, promotores, produtoras, axencias de representación, persoal técnico de son, luces e montaxe, cámaras, seguridade….e un longo etc de profesións que sufrimos un paro indefinido e sen apenas soporte corto-medio prazo.
Fanse urxentes as medidas de compensación para un sector sen ningunha garantía nin axuda específica.
Fomos os primeiros en saír da escena e non queremos ser os últimos en entrar, o noso futuro non pode ser cancelado.
Sen cultura non hai país.
#NonNosCanceles“