VIALIA
PLAYDOC

No nome de Breogán

Puido chamarse Breogán. Ou tamén Atlético, Olímpico ou Galicia, que foron os outros nomes finalistas para bautizar un club de fútbol que estaba chamado a representar o país. Finalmente, nunha asemblea celebrada o 10 de agosto de 1923, hai agora un século, quedaba inscrito na historia o Celta.

Estadio de Balaídos | Pablo V.

A nova escuadra nacía da fusión doutros dous grandes, o Fortuna e o Vigo. O primeiro nacera en 1908 e o segundo en 1914, de sucesivas alianzas entre o New Club Vigués de 1906 co Sporting Club de 1911. Ambos os dous equipos xa eran importantes. Desde 1906 ata 1923, o Fortuna e o Vigo repartíronse sen interrupción todos os títulos do Campionato de Galicia, o único oficial que se celebraba antes da fundación da liga estatal de fútbol. Pero Vigo tiña arelas máis altas. E o xornalista Manuel de Castro,Handicap, iniciou unha campaña para formar un club sobranceiro, que competise a escala estatal e internacional. Así, no verán do ano 1923, nacía o Celta. O 15 de xuño o primeiro bosquexo do proxecto presentábase fronte á Federación Galega de Fútbol e, máis tarde, o 22 de xuño, era aprobado por unanimidade pola asemblea nacional do fútbol en Madrid. Así que aquel verán, convocadas as directivas dos dous clubs fundadores, decidiuse todo, en longas sesións de debate nos salóns da sociedade recreativa El Casino. Cando as ideas estiveron claras, os socios do Vigo foron convocados no cinema Odeón, mentres que os do Fortuna reuníronse nos baixos do hotel Moderno, na Porta do Sol. Uns e outros votaron a favor da fusión. Formouse unha comisión cos directivos Bustelo, José Bar, Amador Núñez e Joaquín de Miguel, por parte do Fortuna, xunto a Ventura Lago, Manuel Núñez, Fernando de Castro e Juan Baliño, representando o Vigo. O principal labor foi elaborar os estatutos do novo club. Do concurso de nomes, quedaron finalistas Breogán e Celta, triunfando este último na devandita reunión. Finalmente, o 23 de agosto, ás dez da noite e coa aprobación dos estatutos, nacía o Celta.

REVISTA ABRIL

En canto ao equipo, como produto da fusión, atopáronse cun enorme persoal para empezar a primeira temporada, integrada nada menos que por 64 xogadores, polo que houbo que crear dous conxuntos, o A e o B, para tentar organizar tamaña inflación deportiva. A sociedade recreativa La Oliva ofreceu os seus locais como sede provisional para o novo club. E o vello e histórico campo de Coia, alcumado «A Catedral», serviu como sede deportiva do Celta no primeiro lustro, ata a estrea do flamante estadio de Balaídos a comezos de 1929. Hai un século, nacía así o Celta.

Eduardo Rolland

Xornalista