CIRCO DE NADAL
JORGE PARDO

Natos y Waor, La Pegatina e Macaco encabezan o SonRías Baixas

O Festival SonRías Baixas deu a coñecer o cartel completo da súa edición 20 aniversario, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de agosto en Bueu. Entre a vintena de artistas os máis destacados son Natos y Waor, La Pegatina, Macaco, Arde Bogotá, Lendakaris Muertos e Duioza Kolektiv.

REVISTA NOVEMBRO
Natos y Waor | Cedida

O Festival SonRías Baixas celebra a súa edición 20 aniversario os días 3, 4 e 5 de agosto en Bueu. Natos y Waor, La Pegatina e Macaco lideran unha lista de confirmacións que aposta unha vez máis polo eclecticismo, incluíndo no seu cartel rock, sons urbanos, electrónica, rumba ou ska e formada por máis de vinte artistas consagrados e emerxentes, que completan Arde Bogotá, Boikot, Cool Nenas, Dubioza Kolektiv, ETS, Grande Amore, La Ganga Calé, LaMontagne & PicoAmperio, Lendakaris Muertos, Lía Kali, María de Juan, Muyayo Rif, Ninhodelosrecaos, Queralt Lahoz, Samuraï, Santa Salut, Tremenda Pack e 30S40S50S.

O dúo de rap madrileño Natos y Waor chega como cabeza de cartel desta edición para presentar os temas do seu cuarto disco, Luna llena. O álbum superou o millón de reproducións nas súas primeiras 24 horas dispoñibles, sendo o álbum de rap máis escoitado en España o día do seu lanzamento na historia das plataformas dixitais. Avalados por máis de 1.200 concertos en 35 países, La Pegatina é unha das bandas españolas máis internacionais e celebran neste 2023, como o festival, dúas décadas en activo. Pola súa banda, Macaco chega ao festival para presentar Vuélame el corazón, o seu novo disco onde conviven músicas de raíz, da rumba á cumbia, do folk ao tango, guitarras pequenas, moogs e sintetizadores retro, e algunhas bases e beats construídos con elementos orgánicos.

A venda de entradas estará dispoñible a partir do vindeiro martes 21 de febreiro ás 12 horas na páxina web do festival. Os primeiros 500 compradores poderán conseguir as súas entradas por 45€ máis gastos de xestión, e a segunda oferta será para os próximos 500 asistentes a 50€ máis gastos de xestión. O proceso de compra inclúe a opción de engadir a zona de acampada, gratuíta, e situada a tan só 150 metros da praia e do propio festival.