CASAACUNHA

Nace Agora.gal, a porta aberta ao mundo da rede en galego

Vivimos na era da sobreinformación, o que aínda complica máis as cousas para os medios en galego. Co gallo de dar visibilidade e apoiar a todos estes creadores nace Agora.gal, un medio de medios que recompila e redirixe ás numerosas páxinas web escritas no noso idioma.

Banner A Movidiña

Segundo o Instituto Galego de Estadística (IGE) case o 70% das persoas enquisadas navegan na rede en castelán. Mesmo os galegofalantes, na súa enorme maioría, realizan as súas pescudas en español, posto que lles é máis doado atopar os resultados que procuran. Isto provoca que os medios que escribimos en galego e utilizamos o dominio “.gal” teñamos peor posicionamento en internet e nos custe máis chegar a potenciais lectores que outros que escriben en castelán. Coa idea de cambiar esta situación nace Agora.gal, unha plataforma de agregación e distribución de contidos dixitais única e exclusivamente en galego.

Por fortuna, existen unha gran cantidade de medios no noso idioma, polo que a través desta páxina poderemos estar informados de cultura, divulgación, climatoloxía, gastronomía, lecer ou deporte. Na súa web indican que “esta iniciativa quere aportar valor para os proxectos que apostan pola comunicación en galego, aumentando a visibilidade e o tráfico das súas webs, e tamén para os lectores, que terán na mesma páxina unha porta aberta a fontes moi diversas”. Isto é, entras en Agora, clicas no artigo que máis che interese e de forma automática rediríxite á páxina onde foi publicado orixinalmente, xerando máis tráfico nesta web. .

Actualmente teñen máis de 40 proxectos asociados, e sumando. Un traballo de búsqueda ao longo dos anos que se viu culminado nesta ágora galega e dixital, similar ao proxecto Podgalego creado hai 15 anos polas mesmas mentes. Unha iniciativa necesaria que vai axudar, tanto a medios como a lectores, a atopar o seu oco na rede. “Temos moito que contar e queremos contalo. Agora”, resumen na súa presentación.