UVIGO
FILLOAS

O musical de Aladino mergulle a pequenos e maiores nun mundo máxico

Unha sala Ártika ateigada agardaba expectante a nova peza musical de Avento Producións ‘Aladino e a lámpada marabillosa’. O show non defraudou. A adaptación da historia incluída en ‘As mil e unha noites’ conquistou a pequenos e maiores por igual.

A obra preséntanos a historia da princesa Jasmine (Rocío Salgado) e o mozo Aladino (Martín Maez). Ambos viven na cidade de Agrabah e aínda que teñen un estatus ben distinto, móveos a mesma inquedanza: ser libres. El quere escapar da miseria na que vive e ela dun matrimonio que lle vén imposto por lei. Xoán Abreu, director da montaxe, introduce unha mensaxe que, aínda hoxe en día, está de plena actualidade: Por que nun mundo onde todo cambia, as leis non poden cambiar.

A posta en escena sorprende aos espectadores. Ademáis dun decorado cambiante e ben traballado, os efectos están moi logrados e conseguen trasladarnos a ese mundo máxico e suxerinte da historia orixinal. A iluminación, a cargo de Javi Quintana, xoga un papel determinante en crear este ambiente.

A peza non estivo exenta de humor e ironía, especialmente coas intervencións do xenio da lámpada, encarnado polo actor Jonathan Caramés. As súas varias referencias a temas musicais contemporáneos e alusións á actualidade provocaron as continuas risas dos máis maiores. O resto do elenco complétano o propio Xoán Abreu que dá vida ao malvado e ambicioso Jafar, Marcos Alonso que encarna ao bonachón sultán pai de Jasmine, Fernanda Barrio que fai de Amina e Merchy Lago de vendedora do mercado. Todos eles ademais de representar a súa personaxe principal, dan vida a máis de 14 personaxes. As interpretacións foron todas moi acertadas.

As cancións que acompañaban ao musical, compostas polos propios Xoán Abreu e Jonathan Caramés, estaban cheas de ritmo e entusiasmaban a un público que xa ao final se arrincou coas palmas e tarareos. A escena de Jasmine e Aladino na alfombra voadora foi, sen dúbida, o momento cume da función. Un público totalmente abraiado mergullábase de todo no mundo máxico do conto oriental.

En definitiva, un musical de unha boísima calidade interpretativa e cunha posta en escena sorprendente para non tratarse dunha macroproducción. A obra, aínda que dirixida ao público infantil, entretén por igual aos adultos que permanecen atentos e non paran de rir. A Sala Ártika púxose en pé entusiasmada para despedir aos actores. Podedes acudir a función ata o domingo 18 de febreiro.

(GMT+01:00)

(GMT+01:00)

CAMELIAS NADAL

(GMT+01:00)