COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

Música e actividades infantís no Festivao, a festa previa á Coruxo Móvese

Este venres celébrase o Festivao. Unha festa solidaria para quentar motores e coller forzas para o evento deportivo Coruxo Móvese que se celebra o domingo. O Festivao acolle actividades infantís e diferentes actuacións musicais.

O deporte será o gran protagonista no entorno do Vao este domingo grazas a 5ª edición da Coruxo Móvese, un evento que xira entorno a inclusión e no que todo o mundo está convidado a participar. Pero, para chegar á actividade coas pilas cargadas e con ganas de suar este venres celébrase o Festivao, unha festa solidaria na que quentar motores. O Festivao comezará ás 18:00 horas no Campo de fútbol de Leri e contará con actividades infantís e actuacións musicais.

Aproveitarase o evento para que os participantes nas probas do domingo recollan os seus dorsais. Pequenos e maiores serán benvidos neste espazo no que atoparán un inchable e xogos e actividades dirixidas para os nenos. As actuacións comezarán ás 19:00 e serán presentadas por Carlos Veleiro. O primeiro en subir ao escenario será Cé Orquestra Pantasma, que fará unha actuación dedicada aos máis cativos. Seguiralle a banda tributo Sabina & Cía. Ás 21:00 actuará o Dúo Nós, ás 22:00 Dreams of Dolly Sheep e ás 23:00 Bakarrá. O fin de festa correrá a cargo do DJ Fernando Frando, da Asociación Viguesa de DJs.

SONRIAS

As inscricións para participar na Coruxo Móvese aínda están abertas. Trátase dunha actividade organizada pola Fundació Isidre Esteve, que ten por obxectivo mellorar a vida das persoas con discapacidade ou mobilidade reducida. O evento está composto por tres actividades diferentes: O torneo infantil ‘Ponte na súa pel’, unha andaina accesible e unha carreira de orientación. Máis información e inscricións en: www.fundacionisidreesteve.org