María Oruña mergúllase na ría de Vigo na súa última novela
El Albatros Negro (Plaza y Janés) é o primeiro libro da escritora viguesa, María Oruña, ambientado na súa cidade. Unha novela de aventuras, na que nos traslada ao Vigo dos piratas e corsarios de comezos do século XVIII. O libro en castelán chega as librarías o martes 4 de marzo e haberá que agardar ata o xoves 20 para que estea dispoñible a edición en galego realizada por Cumio.

Despois de alcanzar o millón de vendas cos libros protagonizados pola inspectora Valentina Redondo, María Oruña deixa as paixases de Cantabria e as personaxes que a lanzaron á fama para mergullarse na ría de Vigo. Sinala a propia autora que todas as novelas que escribiu ata o memento eran o camiño para facer unha historia que transcorrera aquí,”tiña unha idea tan ambiciosa, que me daba un pouco de medo levala a cabo, pero ao final estou moi contenta co resultado”.
A historia arranca na praia da Calzoa cando unha ancaiana historiadora naval aparece morta tras atopar a pista que a podería levar ata un dos tesouros máis codiciados do mundo submarino. Investigando a morte da muller, Oruña lévanos ás profundidades da ría de Vigo, onde xacen os restos da batalla de Rande, que enfrentou a comezos do século XVIII ás coalicións angloneerlandesa e hispanofrancesa durante a guerra de sucesión. A escritora traza unha historia fiada en dúas liñas temporais que nos levan a transitar polo Vigo da actualidade e a vila amurallada de hai catro séculos. “Vigo foi un porto pirata e corsario moi importante naquela época, interesábame investigar como era a cidade naquela altura”, explica a autora que ademais sinala que os protagonistas da parte histórica están inspirados en personaxes reais “son unha rapaza que lle interesan moito os insectos, un monxe convertido a corsario e un fidalgo que é tan valente que parece non ter medo a morrer”. As Illas Cíes, a Ensenada de San Simón, as praias de Coruxo, o Berbés e edificios como o Palacio de la Oliva son escenarios que poderemos facilmente recoñecer ao ler esta novela, coa qu a autora viguesa quere reivindicar a importancia históritca da nosa cidade. A edición en castelán de El Albatros Negro (Plaza y Janés) chega a librerías o 4 de marzo e en galego O Albatros Negro (Cumio) o xoves 20.
Os tesouros afundidos en Rande serviron en máis dunha ocasión de inspiración literaria. A máis icónica é a visita do capitán Nemo no libro Vinte mil leguas baixo dos mares de Jules Verne, que incluso conta cunha estatua na Ensenada de San Simón. Outros autores como Pedro Feijoo en Os fillos do mar ou tamén empregaron a batalla de Rande e os galeóns afundidos como escenario das súas novelas. Da man de María Oruña, unha das escritoras galegas que máis libros vende en todo o estado, milleiros de lectores se mergullarán neste pezado de historia viguesa.


Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- María Oruña mergúllase na ría de Vigo na súa última novela - 1 Marzo, 2025
- Abre as portas A Nubeira, o novo centro social da cidade - 18 Febreiro, 2025
- Artur Puga, bailarín e músico: «Facer unha foliada en Churruca xa non se ve raro» - 31 Xaneiro, 2025
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024