REVISTA ABRIL

Manuel Carrasco e Sting actuarán en Castrelos en 2021

Este verán non poderemos desfrutar da música en vivo no auditorio favorito dos vigueses, pero o cartel das Festas de Vigo de 2021 comeza a coller forma. Esta semana soubemos dunha segunda confirmación, o cantante pop Manuel Carrasco que, ao igual que Sting, tiña previsto actuar este verán en Castrelos.

Sting, o exlider da banda de pop rock británico The Police, era a única confirmación dos concertos de Castrelos coñecida antes do estalido da crise do coronavirus. O cantante de ‘Message in a bottle’ foi tamén o primeiro en reafirmar o seu compromiso con Vigo para o 2021. A segunda é o onubense Manuel Carrasco, quen saltou á fama en 2002 participando en Operación Triunfo. Carrasco cautivou ao público coa súa música pop con influencias da súa terra natal e é autor de temas como ‘Qué bonito es saber’ ou ‘Dispara lentamente’, incluída no seu último traballo ‘La cruz del mapa’, publicado en 2018.

Polo momento, descoñécese o programa para as Festas de Vigo deste ano, que non foron canceladas totalmente e cuxa programación se espera que estea formada por artistas locais e galegos.