CAMELIAS MASCOTAS

Los Enemigos incorpóranse ao cartel do Vive Nigrán

O lendario grupo madrileño actuará o 30 de xuño para repasar e render homenaxe a dous discos míticos como son La cuenta atrás e La vida mata. A actuación de Los Enemigos súmase ás de Nada Surf, Javiera Mena, Morgan, Samantha Hudson, Ojete Calor, The Rapants e Morreo.

Los Enemigos | Óscar Carriqui

“Diverso, diferente, divertido…” así se presenta o Festival Vive Nigrán, que este ano encherá o campo de fútbol de Monte Lourido de propostas musicais ben variadas. A última confirmación é a da actuación de Los Enemigos o venres 30 de xuño. O lendario grupo madrileño repasará neste concerto os seus discos La vida mata (1990) e La cuenta atrás (1991). Dous álbums icónicos que marcaron a toda unha xeración, deixando unha profunda pegada no panorama do rock en castelán e, en xeral, na música española das últimas décadas.

A sétima edición do picnic pop festival do Val Miñor conta ademais coas actuacións de Nada Surf, Morgan e Morreo para o venres 30 de xuño, e de Ojete Calor, Samantha Hudson, Javiera Mena e The Rapants para o sábado 1 de xullo. As entradas xa están á venda a través da web do festival. Os abonos teñen un prezo de 50,00 € máis gastos de xestión e as entradas de día 28,00 € máis gastos. Os menores ata 5 anos teñen acceso gratis ao festival (máximo 2 nenos por adulto).