VIALIA
bannerPicnicSesions

Libros que saben a outono

Follas secas ciscadas polo chan, castañas e landras, a luz dun sol que se deita antes… todos estes síntomas débense a que o outono xa está aquí un ano máis. E para as persoas que gozamos da lectura demorada, a volta á rutina supón tamén un sosego e o incremento do tempo para compartir cos nosos amigos os libros. Acompañadas dun café ou dunha infusión quentiña, ao caloriño dunha manta no sofá ou en calquera recuncho dos nosos fogares, hai libros que saben a outono e que presta lelos ao longo desta estación, non credes? Para as que buscades suxestións, velaquí van un monllo dalgunhas lecturas que vos prestarán nestas datas outonais e nas que xa agroma o frío e, quizais por fin, a chuvia:

“Golpes de luz” de Ledicia Costas: este libro reivindica a oralidade como fenómeno literario, e concretamente a forma de falar das avoas, desas mulleres que todas coñecemos e que avogan polo seu dereito a dicir o que queiran sen pelos na lingua, como fai a marabillosa Luz Divina, unha personaxe que, por certo, comete moitas troupelías e fai sufrir á súa filla pero que tamén é supervivente dun pasado que non elixiu e que tivo que afrontar con ese martelo do que xamais se separa. Precisamente, é a través dela que Ledicia Costas aproveita para facernos reflexionar arredor de asuntos de candente actualidade e aos que cómpre dar unha solución urxente e contundente: a dependencia e a falta de recursos públicos para atender ás persoas maiores con calidade e profesionalidade, a precariedade laboral e a mal chamada ‘conciliación familiar’…

“Anne, a de Tellas Verdes”, de Lucy Maud Montgomery, en tradución de Raquel Senra:  todas as nenas do mundo deberían ler este libro, porque é unha historia feminista, que agocha mensaxes que necesitamos escoitar, e tamén se define coma un canto de amor cara ao mundo rural, e ademais fainos moi felices. Así de fermoso fala Anne: “Non é espléndido pensar en todas as cousas que hai por descubrir? Fai que me sinta feliz de estar viva… o mundo é tan interesante! Non sería nin a metade de interesante se o soubésemos todo, non? Daquela non habería espazo para a imaxinación, non si?”

“Heidi”, de Johanna Spyri, na tradución de Patricia Buxán: “Mira – explicoulle o avó -, iso faino o sol cando lles dá as boas noites ás montañas. Nese momento, deita sobre elas os seus raios máis fermosos para que non o esquezan até que volva saír á mañá seguinte”. É unha cita sacada de Heidi, o clásico da literatura alemá escrito por Johanna Spyri e que nos trae Aira Editorial nunha edición marabillosa coa fermosa tradución de Patricia Buxán Outeiro e as ilustracións de Miguel Robledo. A novela concíbese coma unha reivindicación da vida sinxela, e ten moito sentido hoxe en día, pois lévanos a querer desacelerar o ritmo e a centrar a ollada no que nos ofrece a natureza, nesas cousas do cotián que están aí dende sempre para ofrecernos o goce máis puro. Sen dúbida, Heidi é unha nena que cando a coñeces non podes apartar do teu corazón, como acontece con outras míticas figuras literarias femininas, caso de Anne a de Tellas Verdes ou Pippi Mediaslongas.

“Avelaíñas eléctricas”, de Sica Romero: Sempre é unha celebración que nazan novas editoras e tamén novas autoras. Néspera Editora comeza a andar co obxectivo de publicar libros en galego que se botan en falta, e que sexan diferentes. E con esas máximas sae do prelo Avelaíñas eléctricas, a estrea de Sica Romero que é unha revolución a nivel estilístico e formal, sobre todo porque moitas partes están escritas co galego da Costa da Morte, e tamén porque mestura xéneros como a poesía, a crónica e a novela máis convencional. Romero non nos dá nada feito e esíxenos unir os fíos que nos vai deixando, e a través dos que nos fala do amor e do desamor, das doenzas mentais, do poder da literatura, e de sororidade entre mulleres para superar todo o odio do machismo que non cesa. Avelaíñas eléctricas é un libro inesquecible, para ler e reler. Poesía pura en cada palabra.

“Aquí comeza o mar”, de Blanca Riestra: O mar evoca quizais as sensacións máis universais, pero tamén temos que ser conscientes de que só se pode chegar á súa profundidade se vives a carón del, se o sentes contigo. De aí parte un pouco a novela Aquí comeza o mar, coa que Blanca Riestra se fixo co XL Premio Blanco Amor, e que é unha historia de amor cara o mar que rodea a cidade da Coruña, pero tamén ás persoas que soñaron nos anos 80 cun futuro mellor, con que a cultura salvaría o mundo. Riestra escribe coas tripas e tamén co corazón, e o libro defínese coma unha mestura entre crónica xornalística, poesía, e ata distopía. Aquí o mar é case coma unha persoa, e sentímolo en cada frase, de aí que se goce máis da lectura ao carón das ondas, en calma ou embravecidas.

“O país da choiva”, de Miguel Ángel Alonso Diz: Que pensariades se un día vos erguedes pola mañá e esquecestes quen sodes? E se xa non sabedes falar nin expresar o que sentides? Sobre o terreo da memoria constrúe Miguel Ángel Alonso Diz unha fábula moi fermosa que reflexiona sobre a lingua galega que ano tras ano perde falantes. O autor vigués apuntaba nunha presentación que O país da choiva é un “canto de amor cara á lingua galega”, e que non deberiamos privarnos de coñecer a súa musicalidade e sonoridade. O libro contén, ademais, unhas fermosas ilustracións de Xosé Tomás, e o autor homenaxea a grandes das nosas letras como Xela Arias, Rosalía de Castro, Antonio García Teijeiro ou Bernardino Graña.

“Cabalo baio, xinete pálido”, de Katherine Anne Porter, na tradución de Celia Recarey Rendo: Katherine Anne Porter publicou no 1939 unha obra que leva emocionado a moitísimo lectorado, Cabalo baio, xinete pálido, da que agora podemos gozar en galego grazas á tradución de Celia Recarey para Irmás Cartoné. O libro, que recolle tres novelas breves, foi moi aclamado pola súa capacidade de conexión con amplos sectores da poboación, sobre todo porque aborda temáticas consideradas universais, como a soidade, a falta de esperanza ou o medo á morte. Lendo estas historias (“A vella mortalidade, “O viño do mediodía” e “Cabalo baio, xinete pálido”) descubrimos a unha novelista aguda, capaz de entender o seu tempo e de chegar a nós case coa mesma actualidade. Destacables son as continuas reflexións que atopamos no libro nas que se fai un alegato feminista a prol da liberdade das mulleres.

“Outono aquí”, de Mario Regueira: A viaxe que leva Guillerme para a cidade flamenga de Gante con a intención de reclamar unha herdanza ao seu irmán doente, significará o regreso a un escuro pasado familiar marcado pola violencia. Os descubrimentos emerxentes abalarán a identidade do mozo protagonista durante un percurso físico e musical que brindou ao seu autor, Mario Regueira, o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, concedido polo Concello do Grove, na súa convocatoria de 2011. Esta edición, unha década despois da súa primeira saída do prelo, inclúe unha introdución do profesor Danny Barreto, e publícase na recén estreada editora Menino Morreu. O libro pode semellar unha novela de aprendizaxe sobre a dureza da vida.

“O gran caderno”, de Agota Kristof, na tradución de Moisés Barcia: é un libro impactante porque é capaz de falar da maldade máis cruenta dende a beleza. Nel cóntase a historia de Claus e Lucas, dous nenos aos que a súa nai deixa nunha aldea coa avoa ata que a guerra remate. Ante esta muller que dá terror, os cativos practican exercicios de supervivencia para soportar mellor a dor. A novela constrúese baixo a forma dun caderno escolar de redaccións, polo que a inocencia é o tapiz de todas as accións que van narrando os dous nenos, e que nos lembra moito ao tradicional conto de Hansel e Gretel. O cerebro deles busca alternativas, e por iso se adiantan pelexando entre eles mesmos antes de que veña a fame, como un ensaio da guerra. Así mesmo, a inocencia lévaos a medrar de xeito precipitado, coa descuberta do sexo a través da visión máis descarnada do ser humano.

REVISTA ABRIL

“O meu sangue” de Diego Giráldez: Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza e que, como as boas novelas, nos fai cuestionar moits cousas. Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse, levándonos nunha intriga coa que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.

Esta sección é posible grazas á colaboración de Deleite

https://www.deleite.gal/

Tensi Gesteira
Redactora