UVIGO
FILLOAS

Leiva visita Vigo como o referente do pop rock nacional

Este venres chega o segundo asalto dos concertos de Castrelos, no que Leiva e a súa banda serán os encargados de facer as delicias dos milleiros de fans que seguro se reunirán no foso e nas gradas do auditorio. Presentará o seu último traballo, Nuclear, mais tampouco faltarán éxitos dos seus discos anteriores, incluíndo algún de Pereza.

Leiva tocando a batería con Gran Cañón na pasada edición do Rock in Río Tea | Pablo V.

Miguel Conejo Torres, máis coñecido como Leiva, aproveitou o seu mote da infancia como nome artístico. E lle vén dado pola súa semellanza cando era neno a Leivinha, xogador brasileiro do Atlético de Madrid, equipo dos seus amores. Tras debutar nisto da música con Malahierva, en 1999 nace unha das banda máis exitosas do pop rock nacional, Pereza.

Con Pereza, primeiro un trío formado por Rubén Pozo e Tuli e máis tarde un dúo só con Rubén, lanzou catro discos ao mercado: Pereza (2001), Animales (2005), Aproximaciones (2007) e Aviones (2009). Nestes anos fixéronse famosas cancións como Princesas, Lady Madrid, Todo, Windsor, Estrella Polar, Amelie ou Por mi tripa. En 2010, tras despedirse nun xigantesco concerto no Palacio de los Deportes de Madrid, anunciaron a súa disolución definitiva.

Aí nace a carreira de Leiva en solitario, cun estilo continuísta co que se estaba vendo nos últimos traballos de Pereza. Todo comezou no 2012 con Diciembre, un disco completo no que o artista madrileño deixa claras as súas intencións: pop rock melódico e coreable con estribillos pegadizos. Neste traballo atopamos algúns clásicos da súa traxectoria solista como Eme, Miedo ou Vis a Vis.

Dous anos despois chegou Pólvora, o maior éxito discográfico en solitario do ex-Pereza. Este é un disco cunha produción mais coidada e elegante pero dun estilo similar ao que xa viña facendo con anterioridade. Así o demostran temas como Palomas, Los cantantes, Terriblemente Cruel, Cerca ou Afuera en la ciudad.

O seu terceiro traballo,Monstruos, fíxose esperar outros catro anos, co que logrou un gran impacto mediático e un Disco de Ouro. Nese ano tamén consolida a súa faceta como produtor, que xa viña facendo desde anos atrás en discos de Sidecars ou Abel Pintos, traballando con Joaquín Sabina no seu último álbum de estudio Lo niego todo. Por se xa foran poucos os premios colleitados por Leiva, no 2018 consegue o Goya á mellor canción orixinal por La Llamada, para o filme homónimo de ‘los Javis’.

Agora chega a Vigo para presentarnos Nuclear, o seu cuarto longa duración, no que mantén o rumbo pero cun estilo máis guitarreiro e cru. Disco de Ouro en menos dun mes e Disco de Platino para o single No te preocupes por mi. Semella que a carreira deste multinstrumentista non deixa de medrar ano tras ano e disco tras disco, a pesar de que non lle faltan haters que ven nel a máxima representación da música mainstream. Veremos que nos ofrece este venres en Castrelos.

CAMELIAS NADAL

(GMT+01:00) Parque Castrelos