ASNEVES
REVISTA MAIO

Ledicia Real Estate, humanidade no sector inmobiliario

Tubío diante do local no que abrirá Ledicia Real Estate este verán | Cedida

Andrea Tubío (Vigo, 1991) é o claro exemplo de que as cousas están cambiando no ramo inmobiliario. Un mundo no que empezou por casualidade aconsellada polo seu tío, a día de hoxe socio, que viu que era o sector onde máis fácil podería atopar a maneira de autofinanciar a carreira. Probouno e botou os últimos 12 anos percorrendo diferentes cidades de dentro e fóra de Galicia, dedicándose ao sector inmobiliario sempre. Este mes de san Xoán, con orgullo, celebra os primeiros 365 días da creación de Ledicia Real State, que está a piques de inaugurar local na rúa de García Barbón 101.

Chama a atención que emprendese precisamente en 2022, co tecido empresarial aínda temeroso polos efectos da covid-19. Ao preguntarlle, responde cunha frase propia da xente valente: «se esperas polo momento perfecto, nunca chega». Agora é directora dun equipo no que vai delegando funcións e entre as que destaca a xuventude dos perfís. Dous comerciais e unha administrativa, ademais do amentado socio, que se encarga da parte financeira. Andrea desprende enerxía, ilusión e positividade, cualidades imprescindibles para iniciar calquera negocio. Con todo, non esconde as sombras do sector. Salienta que hai dúas pedras coas que tropeza moi a miúdo. Por un lado, o feito de ser unha muller tan nova fai que se atope en moitas ocasións con perfís que poñen en tea de xuízo o criterio e a profesionalidade que poida ter. Por outra banda, aínda hai moita xente que non valora todo o traballo que hai detrás dun bo asesoramento inmobiliario e confesa que, ata no ámbito máis privado, é habitual que lle pidan consellos que logo non se toman en consideración. Non obstante, a experiencia que vai acumulando confirma que a clientela agradece o trato humano e a axuda que ofrecen en temas tan delicados como o pagamento de impostos, a solicitude de financiamento e outras cuestións documentais relacionadas.

Tamén nos explica como, grazas á súa xestión, moita xente desmitifica crenzas como as de que por vender rápido se perden cartos ou que o ideal é usar todas as plataformas de venda posibles para lle dar visibilidade á propiedade. En realidade, a conclusión da nosa conversa con Andrea é aplicable a calquera negocio: hai que deixar as cuestións importantes en mans de profesionais.

637 71 15 28 | andrea@lediciarealestate.com | @ledicia.real.estate | lediciarealestate.com

Noelia Álvarez