REVISTA ABRIL

Izal, Dani Fernández e Mi Capitán pechan a programación do festival TerraCeo

As actuacións de Izal, Dani Fernández, Mi Capitán e un gran concerto o día 19 de setembro son o colofón do festival TerraCeo que trouxo a terraza do Mar de Vigo 37 espectáculos ao longo de todo o verán. As entradas para estes novos concertos saen hoxe, venres 28, ás 14.00 horas á venda.

REVISTA ABRIL

Un total de 37 espectáculos programados ao aire libre, en Vigo e co atardecer e as Cíes como pano de fondo. En 78 días. É unha das lecturas posibles da primeira edición do Festival TerraCeo de Vigo, que programou o seu primeiro concerto o pasado 3 de xullo e despedirase o próximo 19 de setembro cunha gran gala na que participarán algúns dos grandes artistas que se pasaron pola terraza do Mar de Vigo este verán. Na Terraza do Auditorio tamén comparecerán esa noite, ademais, grupos e solistas de Vigo.

Antes desa gran velada, pola Terraza do Mar de Vigo tamén se pasarán o grupo Izal; o vocalista Dani Fernández –ex cantante de Auryn-; e Mi Capitán. Con cancións como Copacabana ou La Mujer de Verde, a banda madrileña Izal é unha das máis destacadas do panorama musical en España nos últimos anos. Subiranse á terraza do Mar de Vigo o xoves 10 de setembro ás 20.00 horas. Un día antes que Mi Capitán, venres 11, a banda barcelonesa formada por músicos experimentados doutras bandas como Love of Lesbian ou Egon Soda. A de Dani Fernández será a penúltima das actuacións do verán: o 18 de agosto, tamén ás 20.00 horas. A súa xira, na que presenta o seu primeiro traballo en solitario tras os éxitos que alcanzou con Auryn, foi unha das máis exitosas de España antes do confinamento.Un día despois, o 19 de setembro chega a gran gala final da primeira edición do Festival TerraCeo. Será unha gran noite de música. Con grandes artistas do panorama musical e voces emerxentes de Vigo. A programación da gala de despedida será difundida nos próximos días.

As entradas para estes concertos estarán á venda este venres, 28 de agosto, a partir das 14:00 horas na web de Ataquilla.