Igualdade publica o programa de actividades feministas ata Nadal en Vigo
O último trimestre do 2023 vén cargado de actividades da Concellería de Igualdade de Vigo. No Centro de Documentación Feminista celébranse faladoiros, clube de lectura, obradoiros e encontros con escritoras; mentres que a Casa das Mulleres acollerá seis obradoiros durante o mes de outubro.
A concellería de igualdade vén de facer público o seu programa de actividades para este outono. Como cada ano, o Centro de Documentación Feminista situado na Bilioteca Juan Comapñel será fogar de actividades puntuais como faladoiros e presentacións de libros e tamén acollerá un club de lectura de literatura feminista, guiado por autoras e filólogas de referencia.
Todas as actividades teñen acceso libre ata completar a capacidade do local; agás o club de lectura para o que é preciso inscrición previa descargando a ficha de inscrición aquí.
Por outra banda desde o mesmo organismo promóvense cursos de varios días e diferentes temáticas que se desenvolverán na Casa das Mulleres da rúa Romil. Para inscribirse en calquera dos seguinte obradoiros é preciso encher esta ficha de inscrición e enviala ao correo electrónico a ofi.muller@vigo.org. A inscrición é gratuíta.
Ciclo formativo escrita creativa: Loucas pola literatura – Mércores do 18 de outubro ao 29 de novembro, de 17:30 a 20:30 .
Curso impartido por Inma López Silva no que se anima á escritura creativa ao tempo que se fomenta o gusto pola lectura e o pensamento crítico a través das múltiples bondades da literatura coma arte.
Obradoiro de canto para mulleres: Con voz propia – Luns do 25 de setembro ao 11 de decembro, de 18:00 a 20:30 .
Impartido por Cristal Méndez Queizán. Utilizando o canto de grupo explorarase a capacidade expresiva e emocional das nosas voces para recoñecernos e apoderarnos. Paralelamente aprenderanse unha serie de habilidades técnicas para mellorar e facer máis forte propia voz. Neste obradoiro o canto é un medio non un obxectivo, polo que non é preciso “cantar ben” e basta coa intención de gozar xuntas a través do canto.
Curso de introducción á teoría crítica feminista. Aproximación aos debates contemporáneos – Luns, do 27 de setembro ata o 13 de decembro (agás 1 de novembro e 6 de decembro por festividade), de 19:00 a 20:30.
Impartido por Priscila Retamozo Ramos e Cristina Louzán García. Este curso quere ofrecer unha aprendizaxe sinxela, aplicada á actualidade do debate feminista. Unha aprendizaxe teórica que nos sirva no noso día a día para entender o mundo.
Obradoiro: historias de vida das mulleres para xogar no teatro – Luns do 2 de outubro ao 18 de decembro, de 18:00 a 21:00.
Impartido por Mariana Carballal. O teatro como ferramenta ao servizo das nosas historias de vida. Atoparnos no vivido para contalo, falalo, sentilo e imaxinalo con e para as demais.
Obradoiro: Verse outra vez; ao revés tamén funciona – Martes do 26 de setembro ao 12 de decembro de 18:00 a 20:00.
Impartido por Iria Vázquez. Obradoiro teórico-práctico ten como obxecto desenvolver a nosa creatividade e potenciar a autoestima, a través da aprendizaxe e exploración do autorretrato en diferentes técnicas gráfico-plásticas e fotográficas.
Por último, tamén na Casa da Muller, impartirase un curso de formación en igualdade para profesionais, destinado a mulleres e homes interesadas en incluir a perspectiva de xénero no traballo cotiá dos profesionais do eido social e educativo. Ensinaranse técnicas de detencción e orientación en casos de violencia machista, así como elementos para a planificación coeducativa: linguaxe, materiais didácticos
O curso está impartido pola experta Cristina Rodríguez Ramos e ten unha duración de 26 horas, divididas en 8 sesións: martes e xoves do 3 de outubro ao 24 de outubro (agás o 12 de outubro por festividade), de 18:00 a 21:00 h; xoves 26 e martes 31 de outubro, de 17:30 a 21:30 h. Para inscribirse é preciso encher esta ficha de inscrición e enviala ao correo electrónico a ofi.muller@vigo.org.