CAMELIAS MASCOTAS

Homenaxe de Miguel Mosquera ás terras incendiadas en Galicia

O artista Miguel Mosquera trae a Vigo a súa obra ‘Proxecto incendios’, inaugurada o pasado venres 14 de abril na Fundación Laxeiro, onde permanecerá ata o 2 de xullo. Unha obra inspirada na catástrofe de 2017 que pretende facernos reflexionar sobre a nosa relación co entorno. (Texto e fotos: Iria Barciela)

Os incendios que debastaron Galicia en outubro de 2017 son seguro unha imaxe vívida na memoria de todos nós. Miguel Mosquera quere facernos reflexionar sobre esta catástrofe e a relación do ser humano coa contorna a través dunha mostra na que combina poesía e artes visuais. A exposición foi inaugurada o 14 de abril e pode visitarse ata o 2 de xullo na terceira planta da Fundación Laxeiro.

Miles de hectáreas quedaron calcinadas por un lume que percorreu o sur da comunidade, obrigando a un gran número de persoas a abandonar as súas vivendas, que en ocasións desapareceron no medio das chamas. O lume deixou feridos, vítimas mortais e unha paisaxe desoladora, acabando cunha parte importante da nosa fauna e flora. A empatía de Miguel Mosquera con este suceso levouno a crear este proxecto expositivo, co que facer reflexionar á sociedade sobre o ocurrido.

O artista ourensán comezou a súa carreira nos anos 60 como pintor, expoñendo as obras xunto a artistas hoxe tamén recoñocidos como Quesada, Acisclo Manzano, de Dios, etc. As súas obras teñen percorrido numerosos países e cidades como Londres, Ámsterdam, Chile, Arxentina, Xapón, Lisboa ou Cuba e tamén diferentes certámenes. Co tempo a súa obra e estilo evolucionaron da pintura ao ensamblaxe e o collage, pasando desde un informalismo dinámico ata a obra obxecto.

Nesta exposición Mosquera materializa a mensaxe que quere transmitir aunando a obxectividade dos feitos, a implicación emocional e as artes plásticas. Nunha das paredes de sala penduran mapas dos lugares afectados con deseños sobreimpresos que van desde datas concretas e datos obxectivos ata mensaxes poéticas ou símbolos iconográficos de lume e helicópteros. Debaixo sitúanse unhas caixas de cartón, instaladas en mesas que, a modo de poema-obxecto, ou tamén de proba pericial, conteñen cinzas e outras probas materiais do sucedido, envasadas ao baleiro e catalogadas co lugar e a data da recollida.

REVISTA NOVEMBRO

No medio da sala colgan unhas teas con textos poéticos que fan referencia á natureza e ao sufrimento da mesma tras os acontecementos. Fotografías da paisaxe forestal debastada e unha serie de poemas de diferentes autores rematan de completar a exposición.

Mosquera utiliza unha mestura entre poesía e artes visuais para concienciar e invitar á reflexión respecto á nosa relación co entorno natural, xa que gran parte destes incendios foron intencionados, e sobre a relación co propio territorio como país. Unha chamada de atención cara a nosa forma de construírnos como pobo a partir dun evidente desapego co territorio, utilizando a arte como unha ferramenta política.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DA CIDADE