Galicia terra de festivais: todas as datas
Desde hai uns anos, os festivais de música están en voga e non paran de medrar. Tamén é certo que hoxe en día a postila fest é utilizada para todo, pero o que é innegable é a gran cantidade deste tipo de eventos que atopamos ao longo da xeografía galega: botando unha ollada rápida atopamos máis de sesenta festivais de tódolos xéneros entre principios de xullo e finais de setembro.
A tempada festivaleira foi inaugurada a pasada fin de semana en Pontevedra cun Surfing the Lerez que non deixa de medrar (The Limboos, Ángel Stanich, Escuchando Elefantes, Terbutalina, Furious Monkey House…). E hoxe arranca o xigantesco e acabado de chegar O Son do Camiño (Lenny Kravitz, The Killers, Franz Ferdinad, Jamiroquai, Martin Garrix, Two Door Cinema, Residente…) en Santiago de Compostela.
Mar, gastronomía e música son os ingredientes principais do Vigo SeaFest que celebra a súa segunda edición aspirando a se converter nun dos grandes eventos da cidade. Terá lugar na Estación Marítima entre o 5 e o 8 de xullo e trae artistas como Morgan, Elefantes e Arizona Baby. Despois de ter o ano pasado uns 18.000 asistentes, o primeiro gran festival do mes de xullo é o PortAmérica (5-7 xullo), que repite localización en Caldas de Reis, e ten como cabezas de cartel a Vetusta Morla, Xoel López, Izal e Imelda May. Ademais de música, o festival mantén a súa liña de apostar pola gastronomía galega e estatal. Durante estas datas tamén atopamos, moi preto de Vigo, unha nova edición do Morrasound (Moaña), cun cartel de altura con nomes como Los Deltonos, Guadalupe Plata, Sés e The Soul Jacket.
Na metade do mes atopamos o que probablemente sexa o festival máis potente e con maior crecemento dos últimos anos, o Resurrection Fest (11-14 xullo), en Viveiro, que o ano pasado logrou reunir a máis de 86.000 persoas, unhas cinco veces a poboación total da vila. Bandas de primeirísimo nivel como Scorpions, Kiss, Megadeth, Ghost, Stone Sour ou Prophets of Rage acompañan a centos de nomes do metal e hardcore nacional e internacional. Un evento único. Dun xénero totalmente diferente, e nas mesmas datas, o folk tomará o control da vila de no histórico Festival de Ortigueira.
Saltamos á Illa de Arousa, onde terá lugar do 20 ao 22 de xullo o Atlantic Fest, no que volven os Kaiser Chiefs a Galicia un ano despois de pasar polo noroeste, acompañados por Iván Ferreiro, The Vaccines e La Casa Azul entre outros. Falando de illas, na de San Simón poderemos gozar do misterioso e único Sinsal, un dos festivais con máis encanto do panorama estatal, que como de costume, non revela o cartel ata o momento de chegar á Illa.
Mais a finde anterior tamén estará chea de música. Nun radio máis ou menos reducido teremos o Vive Nigrán, con Sidonie, Depedro, Nathy Peluso ou The Limboos, e o Rock in Río Tea, en Ponteareas, con Gran Cañón, Basanta, The Parrots e Terbutalina entre outros. Un pouco máis lonxe teremos o Sil Fest, en Valdeorras, con Presumido, The Handicaps ou Nunatak.
Para os amantes do punk-rock está El Loro Facu, en Miño (A Coruña), entre o 27 e o 29 de xullo, con bandas como Sexy Zebras e Los Bengala. No Arbo Rock, visitarán a vila pontevedresa o día 28 de xullo El Drogas e Skandalo GZ, entre outros artistas. Dacabalo entre xullo e agosto (27 xullo – 5 agosto) temos o 17º Ribeira Sacra, que destaca polos marcos incomparables nos que teñen lugar os seus concertos, tales como o de Coque Malla, Sés e Morgan.
A música non para. Entre o 2 e o 4 de agosto, en Bueu, temos o SonRías Baixas, con 16 edicións ás súas costas, cos concertos de Talco, Che Sudaka ou Terbutalina. Nas mesmas datas, pero máis ao norte, no Rock in Cambre (2-4 agosto), apostan polos clásicos galegos como Siniestro Total, Radio Océano, Heredeiros da Crus e Os Resentidos, e coa sorpresa internacional de Marky Ramone (batería da mítica banda Ramones entre 1978 e 1996). Entre o 10 e o 12 de agosto terá lugar O Marisquiño en Vigo, que ademais de BMX e piruetas varias, terá de seguro moita música, aínda que os concertos están sen confirmar.
A cidade da Coruña terá as rúas cheas de escenarios e xente outro ano máis polo Festival Noroeste (7-12 agosto), coas actuacións de Belle and Sebastian, Christina Rosenvinge, María Arnal i Marcel Bagés, Nathy Peluso, Morgan ou The Lákazans. Os concertos no escenario da Praia de Riazor son unha marabilla. Máis presenza de bandas galegas haberá no Armadiña Rock de Combarro (24-26 agosto), outra vila con moitísimo encanto, con Sés, Noite Fechada ou Terbutalina. Pero antes, do 17 ao 19 de agosto, o Revenidas, un dos festivais que máis xente congrega de Galicia (20.000 persoas na última edición), celebra o seu décimo quinto aniversario coas actuacións de Soziedad Alkohólika, Balkan Bomba, Ezetaerre e Keltoi! entre moitos outros nomes.
O estío chega á súa fin, co Festival de la Luz de Boimorto (7-9 setembro), de carácter solidario, cuxo cartel ha volver a estar, un ano máis, formado por pesos pesados do panorama estatal: Love of Lesbian, Eskorzo, Sr. Chinarro ou Josele Santiago. Alén da música, tamén haberá cine, gastronomía, teatro e zona infantil. O ano pasado congregou unhas 12.000 persoas, e a recadación desta edición irá destinada á loita contra os incendios en Galicia e ao equipamento de salas de rehabilitación na Residencia para persoas maiores e Centro de Día de Boimorto. Por último, atopamos o WOS Festival (12-16 setembro) en Santiago de Compostela, que defende unha visión interdisciplinaria e vangardista da arte. Nel atoparemos música, cinema, performances, arte sonora e outras mostras artísticas repartidas por toda a capital. Entre os artistas confirmados ata o de agora atópanse Kreidler, Skee Mask e Suso Saiz.
Tras este resumo de todo o que se move no panorama festivaleiro galego, queda claro que este verán vai estar difícil o de aburrirse. Milleiros de bandas galegas, estatais e internacionais, de tódolos xéneros, xirarán na época estival para facernos vibrar nos diferentes festivais repartidos por toda a xeografía autonómica. Unha oferta para tódolos gustos e cores que non deixará a ninguén indiferente. Que non pare a música!
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Novidades musicais viguesas para desfrutar do outono - 10 Outubro, 2024
- Concertos homenaxe a Batman e Ennio Morricone, Matt Pascale e ‘O Pequeno Poni’ esta fin de semana en Vigo - 10 Outubro, 2024
- Revista de outubro: Os templos da sétima arte - 3 Outubro, 2024
- Kintsugi, o novo espazo de movemento para aceptar as cicatrices do noso corpo - 1 Outubro, 2024
- Os templos da sétima arte: pasado e presente dos cines de Vigo - 25 Setembro, 2024