Galaxia

Francisco Castro: “Non querer ir á mili foi a miña primeira ruptura co patriarcado”

Francisco Castro, escritor e director xeral de Editorial Galaxia, adéntrase no pensamento feminista co seu primeiro ensaio Isto SI é un Home. Explotando a súa faceta como filósofo, o autor ábrese aos seus lectores relatando as vivencias máis duras e importantes da súa vida, mostrándonos o feminismo desde os ollos dun home. Un libro para reflexionar sobre a sociedade e sobre nós mesmos.

Francisco Castro na praia da Punta, en Teis | P. Vázquez

Este e o teu primeiro ensaio, como te sentiches ao expresar aos teus lectores todas esas vivencias e sentimentos tan íntimos?

Sentinme ben, son moi consciente de que é un libro no que eu me expoño moito, fago case un exercicio de desnudez emocional pero é así como o quería facer. O libro ten moito de crónica xeracional, de contar que nos pasou cando nos educaron e como nos cambiou a cabeza  co paso dos anos, sobre todo grazas ao traballo do feminismo. Iso era o que quería compartir.

Falando dos problemas da túa infancia, agora que tes fillos, que dificultades atopas ou atopaches á hora de educalos correctamente que antes non había?

O mundo cambiou moito e cambiou para ben, que é algo que manteño moito no libro, por sorte hoxe a realidade non é tan violenta como era antes. As dificultades sobre todo nótanse máis na educación da miña filla, seguimos vivindo nunha sociedade moi machista e patriarcal. Hai uns días por exemplo, foi destituida a comisaria de Pontevedra por dicir nun acto que hai mulleres ás que lles encantarían que as violasen, unha barbaridade. A un neno telo que educar, e telo que educar no feminismo, pero a unha nena tela que educar no feminismo e no empoderamento.

Dis no libro que se hai que despoxar dos privilexios que o patriarcado lle dá aos homes, de cales te desprendiches ti? 

A verdade e que non sería capaz de facer unha enumeración, falaría máis ben dunha actitude. No meu traballo como editor, intento sempre apostar por traer mulleres ao catálogo ou abrir unha colección de feminismos. No meu día a día, a actitude refléxase tomando conciencia e intentando evitar os micromachismos, que aínda que é difícil despoxarnos deles, hai que esforzarse.

Dirías que o feito de non querer ir a mili e de verbalizalo á túa familia foi a primeira ruptura co patriarcado que tiveches?

Si, foi a primeira vez, xa que provocou un cisma familiar. Meu pai sempre me apoiou en todas as miñas decisións, pero o resto da miña familia e a que logo sería a miña familia política non, como conto no libro non entendían a miña decisión. Eles pensaban que eu estaba fallando como home, o que se esperaba de min era que desexase ir á mili. De pequeno todos os meus amigos querían cumplir os 18 anos para poder ir á mili, a min horrorizabame a idea. De maior tamén pasaba o mesmo, rapaces do meu tempo fantaseaban con ir a África e eu seguía sen compreder esa idea. De maneira que mesturando todas esas historias que se contaban das batallas ou dos adestramentos, eu ía desenrrolando unha profunda conciencia antimilitarista. Polo que si, sen decatarme, esa foi a miña primeira ruptura co patriarcado.

Se teu pai non tivera esa maneira de ser, se non rompera cos estándares do que debería ser un home daquela época, cres que ti terías hoxe este pensamento?

Estou seguro de que non, se eu tivese un pai tradicional como a meirande parte dos meus amigos, probablemente non tería o pensamento que teño agora. Eu sempre fun e sigo sendo unha persoa moi emocional, digo quérote a xente que quero, bico a xente que amo… e iso é algo que aprendín de meu pai. Inevitablemente, para ben ou para mal, acabamos por parecernos aos nosos pais e as nosas nais. Eu non sería quen son de non ter esa masculinidade alternativa que representaba o meu pai.

En que medida e como crees que o teu libro aportará algo ao feminismo ou a sociedade en xeral?

Ao feminismo non sei se lle aportará algo, por sorte hai teóricas feministas cunha potencia intelectual á que eu non chego, esas son as que de verdade están aportando algo á sociedade. Eu creo que o meu libro se algo aporta é poñer sobre a mesa que os homes temos que tomar conciencia e temos que sumarnos ao debate e a loita por un mundo de igualdade. Se o meu libro consegue que un ou dous homes realmente pensen sobre este tipo de cousas e actúen para cambiar determinadas realidades inxustas, será valiosísimo.

Banner A Movidiña

Cres que o feito de que un home coma ti escriba e publique un libro falando deste tema, fará que algún home lea por primeira vez algo con respecto ao feminismo?

A verdade é que non o pensara, si que hai unha tendencia a pensar que os libros de contido feminista os teñen que ler mulleres. Algo que repito moito no libro é que a desigualdade tamén é un problema dos homes. É probable que algún home se atreva a ler un libro feminista porque está escrito por un ‘igual’, por así decilo.  Oxalá moitos homes o fagan.

 

Texto: Clara Fernández

X