CASAACUNHA

Aprendizaxe activa na natureza

Os pupitres non existen en Foresta; tampouco as aulas. Esta singular escola, situada na parroquia de Vincios (Gondomar) dirixida a nenos entre os 3 e os 6 anos, divídese por espazos nos que a omnipresenza da natureza cumpre un papel fundamental. No campo e no monte é onde os pequenos pasan boa parte do día; en contacto coas árbores, coas plantas, cos animais, coa terra… explorando e aprendendo da contorna, como se facía antano.

Foresta abriu as súas portas en setembro de 2017, froito de dúas longas viaxes de Noa e José por África e por América do Sur. Aínda que viñan de mundos que nada tiñan que ver co eido educativo, a pedagoxía sempre lles interesou. No seu periplo polos devanditos continentes aprenderon que a flexibilidade na lexislación educativa en moitos daqueles países permitía que cada comunidade adaptase o proceso educativo ás súas necesidades, obtendo como resultado que os nenos fosen máis autónomos e máis felices. Nunca viran uns ollos brillar como os daqueles cativos, mostra de que con poucos medios se poden facer as cousas ben. Convencidos, decidiron dar forma a este proxecto coa axuda de Olga e Paula, as educadoras que se encargan de acompañar os pequenos no seu proceso de aprendizaxe. Se algo sorprendeu á parella nas súas viaxes, foi ver a capacidade da cativada coa que se foron atopando, por iso en Foresta os nenos son os auténticos protagonistas. Pasan a ser parte activa da súa propia educación con voz e voto. Unha das claves deste método é que cada neno marca o seu propio ritmo, recibindo as ferramentas segundo o van demandando. Outro piar son as familias, que aquí teñen voz e participan de todos os procesos, forman parte da tribo.

O sábado 14 de marzo, previa inscrición a través do correo electrónico, Foresta abre as súas portas para aquelas familias que queiran achegarse a coñecer de preto este espazo educativo inmerso na natureza.

Enderezo postal: Lugar Salgueiro, 36, Vincios, Gondomar
Enderezo electrónico: espacioforesta@gmail.com
Web: espacioforesta.com
Facebook: Foresta – Espacio de Aprendizaje Activo en la Naturaleza
Instagram: @espacioforesta

[ Podes gozar desta reportaxe en papel na revista A movida de febreiro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER ]