REVISTA ABRIL

O Festival Nun Local busca amantes

Achégase a cuarta edición de Festival Nun Local e a organización busca amantes da cultura, da cidade e de pasalo ben que queiran sumarse ao equipo de voluntarios do festival.

Do 15 ao 18 de marzo celebrarase a cuarta edición de Festival Nun Local, un evento que leva a arte, a música, a danza, o teatro… a espazos onde non acostuman estar presentes como: perruquerías, panaderías, carnicerías ou mesmo unha inmobiliaria.

REVISTA ABRIL

Trátase dun festival 100% autofinanciado que sen voluntarios non podería sobrevivir. Por iso, dende a organización fan un chamamento a todos aqueles vigueses que queiran contribuír a que Vigo gañe un pouco máis en riqueza cultural e de paso pasen un bo rato.

Están a procura de xente que pode proceder de calquera sector e que axudará nunha das seguintes tarefas:

  • Reportaxe: Buscan fotógrafos que manexan o móbil, reporteiros de Twitter, Youtubers, Instagramers…
  • Financiamento: Venda de merchandising durante e antes do festival. Buscan xente disposta a lanzarse polo ben do festival e o que representa.
  • Enlaces con artistas: Con tantas actuacións ocorrendo á vez, é esencial manterse ao tanto do que pasa; artistas que veñen de fóra necesitan indicacións.
  • Distribución: pegar carteis antes do festival e repartir programas antes e durante.

Se estás interesado en participar como voluntario enche o seguinte formulario e a organización de Festival Nun Local porase en contacto en breve.