REVISTA ABRIL

Festival Galicreques, música e comedia este mes na Sala Ártika

Outubro vén cargadiño na Ártika, cunha variada programación para todas as idades. O mes comezará coa triple sesión de Mofa e Befa que pechará o I Festival Comediártiko, seguirá co concerto de Martín Maez, comezará o XXV Festival Galicreques, que contará con seis representacións, e aínda haberá tempo para dúas obras máis: Antes de que llegue la bestia e Castrapo. Sobre os Galicreques, contará con variadas propostas e unha programación rica en técnicas, estilos, estéticas e argumentos con títeres de luva, novas tendencias, marionetas de fío, animación de obxectos ou teatro de sombras. As entradas xa están á venda aquí.

COMEDIÁRTIKO – MOFA E BEFA: DUAS PEDRAS NO CAMIÑO
Venres 2 e sábado 3 ás 21:30 e domingo 4 ás 20:00

Dúas pedras no Camiño é un titulo xenérico para un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria do público: “Aquela obra que viche coa tua nai, agora podes levar ao teu neto” Ao longo da xira poden mudar algunha das pezas a requerimento do público ou dos contextos que aporte o lugar ou o tempo da representación.

Sen dúbida, comezará con número titulado: “Os 33 reiseñores da Porqueira” que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números mais sutís e celebrados do dueto. Atrás deste virán os números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema, a escritores inmorredoiros, ou as parodias do circo. O título, “Dúas pedras no Camiño” xoga coas alusións á música popular e a sua filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, ainda que tamén lembra á función dos cómicos de seren unha pedra no zapato… en fin, rolar e rolar!

CONCERTO MARTÍN MAEZ – HABITAT
Venres 9 ás 21:30

O artista galego Martín Maez volve ao panorama musical con “Habitat” un novo disco que será presentado en concerto o vindeiro 09 de outubro en Vigo.

Neste 2020 sorprende con novo traballo, “Habitat”, un disco autoeditado e producido por Celso Madriñán, Quico Bea e Anxo Fernández. Esa variedade na produción de cada un dos temas aporta un toque de variedade, propio de calquera hábitat coñecido onde as diferentes especies conviven en harmonía nun mesmo entorno. Tanto a entrada anticipada como no despacho de billetes inclúe o CD.

GALICREQUES – O DIA EM QUE A MORTE SAMBOU
Sábado 10 ás 18:00

Seu Biu é un vello brincador que non deixa que a súa idade nin a morte poñan fin á súa alegría de vivir. A pesar de vivir só e ser obxecto de moitas críticas e envexas, vive sorrindo e bailando, feliz e despreocupado. Ten música, danza e, sobre todo, unha forte conciencia da súa profunda conexión coa natureza.

Un día, a Morte decide buscalo. Pero cando chega á casa do ancián, é recibida dun xeito totalmente inesperado…

GALICREQUES – NO ES EL FIN DEL HUERTO DE FERMIN
Domingo 11 ás 18:00

Manuel é un neno sumido na era dixital e as novas tecnoloxías. Este verán viaxará a Aguasfrescas, o pobo onde vive o seu avó Fermín. Pero alí terá que adaptarse a unha forma de vida totalmente diferente: os nenos non xogan a videoxogos senón que cazan gamusinos, só hai cobertura na eira e a maioría das xentes non saben o que é un influencer, e ademais falan de cousas que el non acaba de entender. Grazas a Juanilla, unha nena do pobo, o seu avó e Puchi (unha musaraña moi especial) coñecerá a beleza que hai na natureza e na cultura rural que se está a perder a pasos axigantados. Todos eles colaborarán para acabar cunha ameaza que sofre o pobo e en especial a horta do seu avó Fermín: unha fábrica que produce uns residuos cuxa toxicidade ameaza a vida natural de Aguasfrescas.

GALICREQUES – TITIRITADA CABARET
Xoves 15 ás 22:00

Un cabaret onde os mundos da marioneta atópanse en mans de máis de dez artistas e cinco compañías de procedencias diversas, que nos levarán a este universo de fío, luva e madeira. 

Os monicreques toman o teatro! Diferentes estilos, propostas e historias nun so espectáculo. Para maiores de 18 anos.

GALICREQUES – MIRAGRES
Venres 16 ás 21:30

Miragres é un espectáculo sobre as Cantigas de Santa María de Alfonso X representado por una compañía de moinantes con monicreques e música en directo. Un total de once pezas, unha cantiga de loor, e dez milagres ou feitos extraordinarios, que acontecen con mediación divina de Santa María.

Por primeira vez contemplaremos a Santa María obrar os milagres da man dos monicreques cunha estética baseada nas magníficas miniaturas que acompañan ás cantigas nos libros orixinais. Para conseguir un mellor seguimento das accións, as músicas foron arranxadas rebaixando os ornamentos e suprimindo retrousos, achegándoas aos romances populares.

GALICREQUES – PLASTIKUS
Sábado 17 ás 18:00

Ondina vive xunto ás ondas do mar, onde elas rebentan e enchen de espuma a praia. Durante moitos e moitos anos, apenas a espuma bañaba a area da praia. E era aí que Ondina brincaba coa espuma do mar.

Mais novos obxectos con sons, cores e formas extraordinarias xurdiron na súa vida e a Ondina gustáballe brincar con eles. Parecían unha nova especie moi amigable e pouco a pouco foron introducíndose na súa vida e, canto máis se adentraban, máis os necesitaba. Ata que o PLASTIKUS volveuse absolutamente indispensable. E así creceu, creceu, creceu na súa vida e Ondina rapidamente descubriu que xa ficaba por todos lados! Por todas partes o mesmo!

GALICREQUES – EL HOMBRE QUE PLANTABA ÁRBOLES
Domingo 18 ás 18:00

Esta é a vida de Elzeard Bouffier, un humilde pastor que durante anos plantou árbores e non llo contou a ninguén. Só ao noso narrador, que ao longo do espectáculo irá descubrindo unha das máis fermosas e esperanzadoras fábulas; un esforzo, por pequeno que sexa, pode cambiar o mundo e facelo máis habitable.

ANTES DE QUE LLEGUE LA BESTIA
Venres 23 e sábado 24 ás 21:30 e domingo 25 ás 20:00

A peza enmárcase no contexto Canchales; unha iniciativa de investigación escénica promovida en 2016 pola Compañía Ensalle, na cal, convídase a creadores da escena contemporánea a participar dos nosos procesos de creación, posibilitando experimentar camiños comúns e profundar en ideas desde distintas perspectivas. Neste caso a colaboración está a realizarse con Terrorismo de autor e Antoine Forgeron (Canchal VI), Terrorismo de autor (Canchal VI.2) e Sergi Fäustino (Canchal VII).

Bestia é a palabra chave da peza. A Bestia política e económica, a Bestia social, o que deixou a Bestia nos nosos corpos, a miña propia Bestia. A mirada sitúase no contexto socio-político actual, hoxe. Como está construído o sistema, como nos afecta, como nos relacionamos con el, como podemos evidenciar á Bestia, como podemos destruír a evidencia.

REVISTA ABRIL

Bailar a golpes, militar palabras, a acción como rastro do posible, camiñar igual de fronte que de costas, aullar. Pequenas revelacións ou presentimentos.

CASTRAPO
Sábado 31 ás 21:30 e Domingo 1 nov. ás 20:00

Daniel, escritor galego emigrado a Madrid, volve a terra despois da morte do seu pai, con quen non mantiña unha relación fluída. No camiño encóntrase con Rosa, quen colle o mesmo tren que Daniel con destino A Coruña. Nesta viaxe encóntrase co seu pasado e coa necesidade de buscar as súas raíces. Unha viaxe a súa orixe. CASTRAPO fala do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.