CAMELIAS MASCOTAS

Festival de Cans celebra 20 anos con proxeccións, collage e música

O festival do agroglamour celebra esta fin de semana dúas xornadas previas ao certame para festexar o seu XX aniversario. Este venres 12 e sábado 13 exhíbense dúas longametraxes de Valérie Massadian, inaugúrase a exposición de collage de Diego Giráldez e preséntase Ronsel, o novo proxecto de Eladio Santos.

Eladio en 2021 | P. Cermeño

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio en Cans, arranca esta fin de semana cunha programación previa en O Porriño que contará cunha retrospectiva da cineasta Valérie Massadian, a apertura dunha exposición de collage de Diego Giráldez e a presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, acompañado por Andrés Cunha. Todas as actividades son de balde.

A programación especial sobre a directora franco-armenia Valérie Massadian arranca o venres 12 ás 20h coa proxección da súa longametraxe de debut,  Nana (2011) (mellor película no Festival de Locarno), mentres que o sábado 13 ás 18h proxectarase Milla (2017).  Massadian intervirá por videoconferencia antes da proxección da primeira longametraxe e estará presente en Cans durante o festival, a seguinte fin de semana. As proxeccións terán lugar no Centro Cultural do Porriño e son a primeira parte da retrospectiva que lle dedicará o festival o día 20, coa exhibición das súa curtametraxes, moitas delas inéditas en España.

REVISTA NOVEMBRO

O sábado 13  ás 20h, a seguir do filme de Massadian, terá lugar a apertura da exposición Collage Catástrofe, do xornalista e escritor Diego Giráldez, na que se mesturan mulleres que ben poderían protagonizar unha comedia romántica de Frank Capra con homenaxes ao cine de catástrofes dos anos 70. A mostra poderá verse no Circulo Recreativo Cultural de O Porriño ata o 31 de maio.

Tamén o sábado e na terraza do Circulo Recreativo Cultural terá lugar ás 21h a presentación de Ronsel,  novo proxecto de Eladio Santos (Eladio y los Seres Queridos), no que o cantautor vigués estará acompañado polo multiinstrumentista Andrés Cunha.

O festival continuará entre o martes 16 e o sábado 20 de maio con proxeccións dos bloques de curtametraxes a concurso, longametraxes, música e coloquios. Programa completo e billeteira na web do festival.