VIALIA
bannerPicnicSesions

Arranca o Primavera de Cine con proxeccións no Auditorio Municipal e no Camões

Esta tarde comeza o Festival Primavera do Cine coa proxección de dous filmes no Auditorio do Concello e o pase de dous bloques de curtas no Instituto Camões. Ata o vindeiro domingo proxectaranse en total 11 longametraxes e 33 curtametraxes.

Dende hoxe e ata o domingo o cine será un dos grandes protagonistas na cidade grazas ao Festival Primavera do Cine. Dentro deste evento se proxectarán 11 longametraxes e 33 curtametraxes en diferentes espazos da cidade como o Auditorio Municipal, os Multicines Norte, o Instituto Camoes ou o Museo Marco. Esta tarde inaugúrase o festival coa proxección dos filmes ‘Tódalas mulleres que coñezo’ e ‘Invierno en Europa’ no Auditorio do Concello e dous bloques de curtas lusófonas no Instituto Camões.

A primeira longametraxe en proxectarse dentro do festival será ‘Tódalas mulleres que coñezo’ de Xiana do Teixeiro, un documental que recolle as vivencias de diferentes mulleres que evidencian o masculinizada e violenta que segue sendo a rúa a día de hoxe. A través de tres conversas reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Á proxección acudirá a viguesa  Noemí Chantada, directora de fotografía do filme e será ás 20:00 no auditorio municipal.

Ás 22:00, tamén no Auditorio do Concello, será o momento de ‘Invierno en Europa’ de Polo Menárguez, unha película documental que narra a dura vida dos inmigrantes afgáns en Belgrado (Serbia) e o seu soño de cruzar a fronteira ata Hungría fuxindo do frío extremo.

As entradas para estas dúas películas poderanse adquirir no despacho de vendas do Auditorio do Concello desde media hora antes do inicio das proxección e a un prezo de 3’50€ cada unha.

 Curtas lusófonas

REVISTA ABRIL

Doutra banda e de xeito case simultáneo darán comezo os bloques de curtas lusófonas no Instituto Camões. O primeiro será ás 19:30 e estará composto por:  ‘Em algum lugar, amanhã’ de André Siqueira, unha curta que fala da atracción súbita que pode xurdir entre descoñecidos e sobre como cada decisión que tomamos podemarcar a nosa vida para sempre; ‘Deusa’, de Bruna Callegari, a historia dunha  recadadora na peaxe da illa na que vive e que comezará a sentirse diferente cando ve unha balea encallar na praia e ‘O menino e o louco ’ de Julia Ferreira, na que un neno viaxa, reencontra as súas amigas xemelgas e pasa a frecuentar a súa estraña casa, tentando protexelas do seu pai insán.

O segundo bloque arrincará ás 21:00 e estará composto por: ‘O forasteiro’, de Diogo  Cronemberger, que conta a historia dun home que, nos rincóns de Piauí, Brasil, loita contra o mundo cíclico e obsesivo de violencia no que está aprisionado; ‘Flores’, deVado Vergara e Henrique Bruch, unha cinta que fala de como a chegada dos grandes emprendementos inmobiliarios pode transformar a arquitectura dunha cidade mentres o tempo vai deixando as súas cicatrices e ‘Vidas Cinzas’ de Leonardo Martinelli, un falso documental sobre a actual crise social, política e económica no Brasil, onde o goberno corta as cores do Rio de Janeiro, deixando a cidade en branco e negro. Ademais, esta última curta contará coa presenza de Nadia Anderson Orlickas, produtora da mesma.

A entrada para cada bloque terá un custo de 2’50€ e poderase adquirir no Instituto Camões desde media hora antes de que comece a proxección.