Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro
Detalles do eventos
Os dezaoito autorretratos que, dende o venres, 31 de xaneiro, se mostrarán na Fundación Laxeiro, compoñen, no seu conxunto, un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais
Detalles do eventos
Os dezaoito autorretratos que, dende o venres, 31 de xaneiro, se mostrarán na Fundación Laxeiro, compoñen, no seu conxunto, un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado. Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro estará dispoñible na Casa das Artes ata o 13 de setembro
Comisariada por Carlos L. Bernárdez, o proxecto analiza a evolución da autorrepresentación do artista e a representación do rostro humano desde a época das vangardas ata o último terzo do século XX. A expresión Son eu, escrita polo pintor nalgunhas das pezas expostas, serve de punto de partida para afondar nesa interpretación do propio rostro e da identidade subxacente que todo retrato leva implícita.
O proxecto é produto do traballo de investigación que a Fundación Laxeiro leva a cabo dende hai vinte anos, cuxo resultado máis salientable é a catalogación de preto de catrocentas referencias do autor, o que facilita enormemente acometer proxectos como este. O proxecto serviu tamén para achegar ao público obras que nunca antes se expuxeran e tamén obras que se atopan en coleccións fóra de Galicia.
Máis alá da orixinalidade da montaxe, na que os autorretratos están mesturados co resto da exposición permanente, é de sobra coñecido o especial talento que Laxeiro tiña para o retrato, un xénero ao que recorría cando quería experimentar formas novas de pintar, polo que a exposición ten un interese obxectivo que, máis alá do sentido lúdico da montaxe, ofrece unha oportunidade única para apreciar a gran calidade de Laxeiro como debuxante e como pintor, neste caso, no traballo do autorretrato.
A maiores desta exposición, poderemos ver a mostra permanente que durante todo o ano exhibe os fondos da Fundación Laxeiro, formados por sesenta e cinco obras de todas as épocas do artista ás que, recentemente se sumaron cinco pezas en depósito, procedentes de diversas coleccións privadas.
A exposición, no seu conxunto, é unha inmellorable oportunidade para achegarse á obra de Laxeiro nun xénero tan canónico como é o autorretrato e profundar nas claves que fixeron del un dos artistas máis salientable da pintura galega do século XX, cultivando técnicas e linguaxes dun xeito transversal, desde unha actitude de permanente experimentación.
De luns a venres de 18h a 21h
Sábados de 12h a 14h e de 18h a 21h.
Domingos de 12h a 14h.
Máis
Hora
31 xaneiro, 2020 18:00 - 13 setembro, 2020 14:00(GMT+01:00)
Localización
Fundación Laxeiro
Rúa Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo, Pontevedra
Hoxe móvese
Mes actualSéguenos nas redes