KIKIMORENTE

'Quen precisa unha avoa?'

14mar19:30'Quen precisa unha avoa?'ACTIVIDADES PARA O COCO | De balde19:30(GMT+01:00) A Morada

Detalles do eventos

Presentación do libro Quen precisa unha avoa? de Andrea Barreira Freije con Nuria Vil.

Andrea conta:

“Son un ser de montaña, da Fonsagrada, en concreto. Tamén de inverno, xa que nacín nunha madrugada de xaneiro do 86.

Movida por certo afán de mudar o que me rodea fixen xornalismo na USC. Ambición pode, un pouco excesiva. Mais, seguindo a miña fama de ser testán, continúo a pensar que todo o mundo ten a capacidade de mellorar, inda que sexa un pouco, o lugar que habita (e a si mesma). Moitos poucos fan un moito. Só practico o xornalismo puro e duro no Nós Diario, unha vez ao mes, na sección de cultura, onde intento amosar que proxectos tan marabillosos se levan a cabo pola nosa xeografía, coa intención, non vou mentir, de demostrar que se fan cousas, que se poden facer (ninguén dixo que sexa fácil).

Creo nas comunidades, nas persoas. Esa fe que me acompaña desde nena, supoño que me levou ata 7H, cooperativa na que actualmente traballo e que, cunha ollada feminista e social, constrúe proxectos culturais colectivos, deses que buscan transformacións desde a base.

Teño catro libros publicados (o bo de ter poucos é que podes citalos todos): Non hai luz sen escuridade (Urco, 2015); Palabra de bruxa (Galaxia, 2018); Desmontando o corpo, construíndo a ciencia (Baía, 2021) e Quen precisa unha avoa? (Xerais, 2024). Neles gústame xogar coas perspectivas, mudar as olladas. Neles tamén hai unha morea de personaxes. (Xa dixen que creo nas comunidades?)

De enxamiadas vai Quen precisa unha avoa?, o libro que me trae aquí, tan ben acompañada por Nuria Vil, cómplice perfecta, e nun lugar tan fogar como A Morada. O libro das avoas fala de afectos e coidados. De amizade. De ser protagonista da historia, inda que sexas unha crianza, inda que sexas vella. De que todo o mundo ten capacidade de construír. De que só xuntas acadamos as metas máis tolas. É un libro divertido, para rir (dixéronme que de chorar un algo tamén), co que espero animar a quen se achegue a el a cociñar, contar historias, bañarse no río (e no mar, e na piscina, e na bañeira).”

Máis

Hora

14 marzo, 2025 19:30(GMT+01:00)

Localización

A Morada

R. Enrique Xabier Macías, 6, 36203 Vigo, Pontevedra

Other Events