Presentación 'Medicina personalizada'
Detalles do eventos
Acto no que o científico Anxo Carracedo será o protagonista. Falará para nós sobre ‘medicina personalizada’ e os grandes proxectos xenómicos. Será o luns 4
Detalles do eventos
Acto no que o científico Anxo Carracedo será o protagonista. Falará para nós sobre ‘medicina personalizada’ e os grandes proxectos xenómicos. Será o luns 4 de novembro, ás 19.30 horas na EMAO, e a presentación correrá a cargo da presidenta do Ateneo, Luísa Abad.
Sobre a medicina personalizada, Anxo Carracedo ten dito: “É o futuro e o camiño polo que apostamos. É unha medicina máis dirixida, moito máis eficaz, con menos efectos secundarios e seguramente máis cara. Neste último aspecto hai que ter en conta o problema da sustentabilidade da sanidade. Se desenvolves un medicamento que pode ser usado por todos, é moito máis barato que se desenvolves un que sexa adecuado para o 30% da poboación, pero o máis importante é a saúde das persoas…
Non teño dúbida de que o aspecto primordial neste tipo de medicamentos vai ser a relación xene-ambiente e é evidente que en moitos casos este proceso vai ter interaccións co microbioma. Non só en enfermidades infecciosas, nas que xa é evidente, senón tamén en enfermidades comúns…
Iso si, aínda nos queda moito por percorrer para comprender a interacción xene-ambiente, pero dentro duns anos todo estará integrado coa bioloxía de sistemas, que terá en conta moitos factores diferentes. Non obstante, esta é unha previsión a longo prazo, non algo inmediato…”
(Grazas á medicina personalizada poderemos…) “non só confirmar un diagnóstico, senón predicir mellor o risco xenético e tomar decisións ao respecto” … “ao mesmo tempo, a mellora do diagnóstico permítenos comprender mellor a enfermidade, estratifiala con máis precisión e buscar dianas farmacéuticas.”
“Somos 50% xenética e 50% ambiente; a xenética é o 50% da enfermidade”
“Ao abordar enfermidades moi diferentes dende a xenética, vemos que se utilizan os mesmos marcadores e os mesmos procedementos e atopamos problemas similares que se repiten”.
Anxo Carracedo
Ángel María Carracedo Álvarez (Santa Comba, 1955), é Catedrático de Medicina Legal e experto internacional no campo da xenética.
Estudou medicina na Universidade de Santiago de Compostela, acadando a licenciatura en 1978 e o doutoramento en 1982, ambos con premio extraordinario.
Na actualidade é catedrático de Medicina Legal (desde 1989) da USC impartindo clases de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular. É director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia) (desde 1999), director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII (desde 2002), Xefe de grupo do CIBER de enfermidades raras (CIBERER) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
Presidente da International Society for Forensic Genetics. Codirector da Unidade de Medicina Molecular Inco Sergas. Vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal, membro do Grupo Europeo do ADN e da Comisión de ADN da Comisión de Xustiza dos Estados Unidos de América, coordinador da Rede europea de estandarización do ADN e da Rede iberoamericana de xenética molecular aplicada á medicina forense.
En 2013 ingresou como membro numerario da Real Academia de Farmacia de Galicia.
Para resumir a súa inxente obra escrita (12 libros, máis de 600 artigos), abonda con dicir que segundo Thomson e Reuters (Web of Knowledge) o Grupo de Medicina Xenómica que dirixe é o primeiro a nivel mundial en citacións na área da Medicina forense e el é o autor con máis artigos, máis citacións e maior índice H na área.
Algúns do múltiples recoñecementos cos que foi distinguido son:
- Doutor honoris causa polas universidade do Minho e a de Cantabria.
- Medalla Castelao (2009)
- Premio Rei Jaume I á Investigación Médica 2010
- Medalla Galien (coñecida como o Premio Nobel do Medicamento), 2011
- Medalla de Galicia 2011
- Premio Fernández Latorre 2011
- Medalla Adelaida (o premio máis relevante en medicina forense) 2012
- Premio Nacional de Xenética na súa modalidade aplicada 2015
- Premio Lois Peña Novo 2019
- Premio Otero Pedrayo, Prismas de divulgación, Premio Galicia de Investigación, Premio Novoa Santos, etc.
Máis
Hora
4 novembro, 2024 19:30(GMT+01:00)
Séguenos nas redes