Presentación do libro 'Cantos do mar' a bordo do único barco a vapor en activo de España
Detalles do eventos
O xoves 26 de decembro, ás 19:00 h, preséntase no barco de vapor Hidria II Cantos do mar, a primeira escolma de cancións mariñeiras de folk en
Detalles do eventos
O xoves 26 de decembro, ás 19:00 h, preséntase no barco de vapor Hidria II Cantos do mar, a primeira escolma de cancións mariñeiras de folk en inglés compiladas e traducidas ao galego por Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate, publicada no selo Morgante da editorial Rinoceronte. O Hidria II é o único barco a vapor en activo en España, e atópase desde hai anos atracado no porto de Vigo, preto de Porto Cultura. A entrada é gratuíta e as prazas limitadas.
‘Cantos do mar’ trátase da primeira antoloxía comentada e traducida ao galego de cantos de traballo e cancións mariñeiras de folk anglosaxón de entre os séculos XVI e XX. O libro tamén incorpora a tradución e comentario de tres temas de orixe francófona pola súa relevancia no xénero. Bosco e Susana afondan nesta publicación na historia das celeumas e na súa relación co universo do mar e coa música actual a través dunha escolma de 60 temas, onde tamén hai espazo para cancións de piratas. Posto que as traducións permiten que os temas sexan cantados, a presentación tamén incluirá interpretacións en directo dunha selección destas cantigas.
O seu anterior traballo conxunto foi Poética del rock (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2023) un completo tomo que analiza un século de música e literatura anglosaxoas con máis de 150 fichas de artistas e case 600 cancións traducidas. O volume, que xa vai pola terceira reedición, gozou dunha grande acollida: o xornalista de El País Fernando Navarro situouno entre os mellores libros musicais do 2023.
Sinopse
Houbo un tempo en que todo xiraba ao redor do mar. O transporte de persoas e mercadorías dependía fundamentalmente dos barcos que funcionaban coa forza dunha comunidade de brazos unidos nun só corazón. Naquel tempo a música converteuse en algo máis ca lecer; era un diapasón que acompañaba e sincronizaba. Os cantos do mar transformáronse no latexo ao unísono de centos de homes embarcados que vivían con dureza lonxe das persoas que amaban, queimados polo sol e bañados polo sal. Este libro recolle unha compilación das principais toadas mariñeiras que soaban nos navíos que cruzaron océanos dende o século XVI. Achegarse ás súas letras e melodías é viaxar cara atrás no arrolo das ondas. Un anaco de nostalxia pero tamén de presente, pois no fondo seguimos a ser nautas nun espazo infindo cheo de estrelas.
Sobre Bosco
Bosco Gil de Gárate Hernández (Madrid, 1980) é músico, poeta e investigador independente nos eidos literario e musical. Desenvolve a súa carreira artística como compositor e multiinstrumentista nas bandas de folk rock Family Folks, The Freebillies e Lorre. Entre 2019 y 2023 impartiu cursos especializados en historia e creación musical na Universidade de Vigo. En 2023 publicou xunto con Susana Rodríguez Barcia o ensaio Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo).
Sobre Susana
Susana Rodríguez Barcia (Vigo, 1977) é profesora no Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo. Foi Premio extraordinario de doutoramento en 2005 e Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra en 2007 polo estudo Después de la movida. La música pop y rock en Pontevedra entre 1990 y 2007. A súa investigación lingüística céntrase na relación entre ideoloxía, discurso e sociedade. En 2023 publicou xunto a Bosco Gil de Gárate o ensaio Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo).
Máis
Hora
26 decembro, 2024 19:00(GMT+01:00)
Localización
Porto Cultura
36202 Vigo, Pontevedra
Séguenos nas redes