PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

Presentación 'Cantos do mar'

14nov20:00Presentación 'Cantos do mar'ACTIVIDADES PARA O COCO | De balde20:00(GMT+01:00) Librería Versus

Detalles do eventos

xoves 14 de novembro, ás 20:00 h, preséntase na Libraría Versus de Vigo Cantos do mar, a primeira escolma de cancións mariñeiras de folk en inglés compiladas e traducidas ao galego por Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate, publicada no selo Morgante da editorial Rinoceronte.

Trátase da primeira antoloxía comentada e traducida ao galego de cantos de traballo e cancións mariñeiras de folk anglosaxón de entre os séculos XVI e XX. O libro tamén incorpora a tradución e comentario de tres temas de orixe francófona pola súa relevancia no xénero. Bosco e Susana afondan nesta publicación na historia das celeumas e na súa relación co universo do mar e coa música actual a través dunha escolma de 60 temas, onde tamén hai espazo para cancións de piratas. Posto que as traducións permiten que os temas sexan cantados, a presentación tamén incluirá interpretacións en directo dunha selección destas cantigas.

O libro, xa a venda dende o 23 de outubro, vaise presentar por toda Galicia tanto en pubs como en librarías. Nas presentaciónns non faltará a música. A seguinte presentación confirmada terá lugar en NaSantiña (A Santiña 35, O Burgo, Pontevedra) o día 21 de decembro en sesión vermú, ás 13:30 h.  

O  seu anterior traballo conxunto foi Poética del rock (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2023) un completo tomo que analiza un século de música e literatura anglosaxoas con máis de 150 fichas de artistas e case 600 cancións traducidas. O volume, que xa vai pola terceira reedición, gozou dunha grande acollida: o xornalista de El País Fernando Navarro situouno entre os mellores libros musicais do 2023. 

Sinopse

Houbo un tempo en que todo xiraba ao redor do mar. O transporte de persoas e mercadorías dependía fundamentalmente dos barcos que funcionaban coa forza dunha comunidade de brazos unidos nun só corazón. Naquel tempo a música converteuse en algo máis ca lecer; era un diapasón que acompañaba e sincronizaba. Os cantos do mar transformáronse no latexo ao unísono de centos de homes embarcados que vivían con dureza lonxe das persoas que amaban, queimados polo sol e bañados polo sal. Este libro recolle unha compilación das principais toadas mariñeiras que soaban nos navíos que cruzaron océanos dende o século XVI. Achegarse ás súas letras e melodías é viaxar cara atrás no arrolo das ondas. Un anaco de nostalxia pero tamén de presente, pois no fondo seguimos a ser nautas nun espazo infindo cheo de estrelas.

Sobre Bosco

Bosco Gil de Gárate Hernández  (Madrid, 1980) é músico, poeta e investigador independente nos eidos literario e musical. Desenvolve a súa carreira artística como compositor e multiinstrumentista nas bandas de folk rock Family Folks, The Freebillies e Lorre. Entre 2019 y 2023 impartiu cursos especializados en historia e creación musical na Universidade de Vigo. En 2023 publicou xunto con Susana Rodríguez Barcia o ensaio Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo).

Sobre Susana

Susana Rodríguez Barcia (Vigo, 1977) é profesora no Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo. Foi Premio extraordinario de doutoramento en 2005 e Premio de Investigación da Deputación de Pontevedra en 2007 polo estudo Después de la movida. La música pop y rock en Pontevedra entre 1990 y 2007. A súa investigación lingüística céntrase na relación entre ideoloxía, discurso e sociedade. En 2023 publicou xunto a Bosco Gil de Gárate o ensaio Poética del Rock. Imaginario lírico de la cultura popular (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo). 

Máis

Hora

14 novembro, 2024 20:00(GMT+01:00)

Localización

Librería Versus

Rúa de Venezuela, 80, 36204 Vigo, Pontevedra

Other Events