PORTAMERICA
REVISTA NADAL

I Trail Salvamontes

06out10:00I Trail SalvamontesACTIVIDADES DEPORTIVAS | 12,00€10:00(GMT+02:00) Centro Cultural As Pedriñas

Detalles do eventos

Inscricións aquí

O movemento Salvamontes segue medrando, desta volta, procurando a posta en valor dos montes a través do deporte e da paisaxe. A primeira edición do Trail Salvamontes nace da man da Comunidade de Montes de Tameiga e de Team Relay, organizadores dunha proba que comezará ás 10 horas do domingo, 6 de outubro.

O trail é unha disciplina que está a gañar máis e máis adeptos en todo o mundo. A diferencia do running convencional, no trail córrese por sendeiros, camiños, campo a través e incluso por lugares de montaña pouco transitables, o que lle achega un compoñente de emoción, aventura e desafío que engancha.

No caso do I Trail Salvamontes, o trazado percorrerá 15 quilómetros dos montes de Tameiga, cun desnivel positivo de 419 metros. Como organizadora, a Comunidade de Montes fomenta así a práctica de actividade física e deportiva, ao tempo que busca dar a coñecer e defender o entorno natural.

A proba conta co apoio de voluntarios para o reparto de avituallamento en carreira e ao remate, postos informativos e demais necesidades, desta volta da man de MagmaSports, que se encarga da definición da carreira, regulamento, inscricións, entrega de dorsais, chips de cronometraxe, control da meta, speaker, carpa, pantalla de clasificación, etc.

A modalidade do evento é libre, podendo participar homes e mulleres tanto federadas como non federadas, a partir dos 18 anos, con premios para os tres primeiros clasificados/as nas categorías senior, veterano A (de 40 a 50 anos) e veterano B (de 50 en adiante). As inscricións custan 12 euros e poden formalizarse online na web de MagmaSports, onde tamén está dispoñible o regulamento completo, máis información e o percorrido descargable.

O punto de saída e chegada será o CSCD As Pedriñas, onde as e os corredores disporán de servizo de aparcamento, gardarroupa, duchas e cafetería. O itinerario percorrerá o monte de Tameiga a través de pistas forestais, sendeiros tradicionais e pequenos tramos de asfalto por estrada. As e os participantes atravesarán o bosque de pseudosugas e bosque atlántico do Chan da Cruz, cruzarán no seu camiño o regato Pijuán e gozarán das vistas sobre o val da Louriña e a ría de Vigo.

Desta forma, o I Trail Salvamontes conxugará estes dous elementos –deporte e paisaxe– para poñer en valor o monte de Tameiga, que está seriamente ameazado polo proxecto comercial GS360, que promove o Real Club Celta co apoio do Concello de Mos e da Xunta de Galicia.

A Comunidade de Montes de Tameiga xestiona unhas 37.000 árbores e prevé plantar outros 10.000 exemplares de frondosas máis nos próximos dous anos, superficie que proporciona o osíxeno que precisan preto de 500 persoas durante un ano, similar á poboación da parroquia.

O GS360 devastaría boa parte deste monte de uso público en beneficio dunha entidade privada, para construir edificios, estradas e infraestruturas duplicadas e innecesarias, como outro pavillón. Ademais, prevé un consumo de 700.000 litros diarios de auga, procedentes do encoro de Eiras (que surte de auga a Vigo e varios concellos da área) e dos pozos que abastecen directamente a 5.000 persoas en Mos.

Máis

Hora

6 outubro, 2024 10:00(GMT+01:00)

Localización

Centro Cultural As Pedriñas

Other Events