Festival Teatro Gorrilla x Síntese Vigo
Detalles do eventos
Despois dun mes cunha campaña de crowfunding aberta recadando fondos para a celebración dun festival en espazos urbano do barrio de Bouzas, o Teatro Gorrilla
Detalles do eventos
Despois dun mes cunha campaña de crowfunding aberta recadando fondos para a celebración dun festival en espazos urbano do barrio de Bouzas, o Teatro Gorrilla conseguiu chegar ao mínimo para poder facer realidade este festival de tres días, contando coa colaboración de Síntese Vigo, formada por Cristina Cameselle e Geni Iglesias. Xuntando forzas, teñen preparado un festival de danza e performance con obradoiros, faladoiros, jam e moito disfrute os días 26, 27 e 28 de setembro.
Aquí toda a programación detallada:
XOVES 26 de setembro
- 12h na ESAD (Escola Superior de Arte Dramático), da man de Cris Vilariño cun obradoiro de 3 horas de Body Weather, sistema de traballo creado en 1973 por Min Tanaka, mestre, coreógrafo e bailarín de danza butoh. É unha práctica integral exhaustiva de adestramento e actuación que investiga as interseccións do corpo e a súa contorna. Os corpos non son concibidos como entidades fixas e separadas, sinó que estan, da mesma maneira que o tempo meteorologico, cambiando constantemente a través dun sistema infinito e complexo de procesos que suceden dentro e fóra destes corpos. Estar á escóita con todo o corpo, cos poros da pel abertos, cos sentidos e con sensibilidade, significa prestar atención a nós mesmos, aos outros e á nosa contorna. Cris Vilariño é co directora da compañia Ay, cariño!; licenciada en xornalismo e diplomada en danza contemporánea. Leva a cabo diversos proxectos relacionados coa danza, as artes do movemento e a relación do baile e a saúde. Creadora e cocreadora de numerosos proxectos escénicos ( Liminal, Cyan, A Gala, ManoDura, Pindo, Oda Maritima, Lestrigones…) traballou tamén como intérprete para outros creadores como Palido Domingo (CDG), Sharon Fridman, Yuko Waguri, Licenciada Sotelo… Compaxina o seu labor artístico coa súa carreira pedagóxica, impartindo formacións intensivas de body weather, laboratorios de movemento, improvisación e conciencia corporal para bailaríns e público xeral. Puxo en marcha diferentes proxectos de programación e mediación cultural, co propósito de achegar a danza á vida cotiá como o Festival Cartografa en movemento, xunto ao colectivo 3monas e o Ciclo Lugo en Danza entre outros, defendendo firmemente a importancia do baile e o movemento para a saúde e a cohesión social.
*Incripcións neste formulario: https://forms.gle/2aZ9vBoHctNYRXDe9 - 19h na Asociación de Veciños de Bouzas (na parte de abaixo) presentaremos o festival, a súa programación en detalle, varias videodanzas e varios proxectos culturais da cidade que patrocinaron o festival como A Morada e Caixa de Ritmos.
- 20h na Asociación de Veciños de Bouzas (na parte de abaixo) abriremos un faladoiro en torno ao tema “corpos vulnerables en escena” convidando a axentes en relación ás artes escénicas como a PAM (Profesionais das Artes do Movemento), Fundación Igualarte, as artistas que participan no festival, A Panadaría, Ensalle, Afonso Becerra, alumnado da ESAD, Meiga – I. Moderado pola organización do festival, que son artistas escénicos.
VENRES 27 de setembro
- CEIP Virxe do Rocio obradoiro para 5o e 6o de primaria da compañía Disiden.Cia (Marcia Vazquez e Martin de Los Arcos), que achegarán ao alumnado a unha práctica de movemento con conciencia LGBTIQ+. Unha actividade para reflexionar sobre as nosas identidades, os esteriotipos de xénero e a diversidade de corpos a través do movemento. Por en valor o colectivo, o apoio grupal, a xeración de grupo, incentivando un espazo cercano onde as crianzas ou adolescentes poidan expresar os seus confictos con respecto a identidade de xénero. Xogar cos corpos, convertilos en animais, monstruosidades, seres híbridos coa pregunta sempre no ar: Quen somos? Que queremos ser?
- 18h na AA.VV de Bouzas obradoiro de creación de público pola compañía de danza Ay, Cariño!, de 45 minutos aberto a quen queira participar e coñecer a peza que se mostrará o día seguinte dende un lugar de non ser espectador, senón que pondo o corpo.
19h na AA.VV de Bouzas obradoiro de creación de público da compañía iXa de 45 minutos onde afondaremos nas ideas que deron forma a peza Ollos cara adentro que se poderá disfrutar ao día seguinte dentro da programación do festival.
*Coste de cada obradoiro 10€ con inscripción neste link: https://forms.gle/2aZ9vBoHctNYRXDe9 - 20h na AA.VV de Bouzas jam de movemento musicalizada por David Santos, baixista da banda Cró! Aberta a calquer corpo, con o sin coñecemento en danza.
SÁBADO 28 de setembro
- 12h no Paseo dos Peixes, Bouzas tendremos un percorrido astístico con Elsa Pereira de 1 hora, descubrindo Bouzas con outro ollar, unha experiencia sensorial e única.
*Coste do percorrido 25€ con previa inscripción neste link:https://forms.gle/9QpQQTB2yDVC7iKM6 - Explanada fronte a Praia do Adro, Bouzas
◦ 18h Disiden.Cia coa súa peza Podería ser calquera, unha danza para calquera de vós. É unha reivindicación monstrosa, alieníxena, absurda e desenfadada dos corpos. O apoio noutres como forma de vivir na constante dúbida. Permitirse, hoxe, ser calquera. Un espectáculo para tódalas idades na pregunta sen resposta sobre a identidade.
◦ 19h iXa coa peza Ollos cara adentro, proposta escénica de dous performers que traslada a concepción surrealista do soño a un espazo físico efímero, tomando como punto de partida o universo do onírico. Ollos cara adentro pretende indagar na concepción surrealista do soño; ese lugar onde os límites da lóxica, a razón, a conciencia e incluso as convencións do gusto rompense permitindo abrir unha porta entre o mundo interior e exterior de cada individuo.
◦ 20h Ay, Cariño! con WTF, unha fuxida cara diante, o correr pavoroso de dúas criaturas chegadas á Terra dende un planeta lonxano e estrano. Ou simplemente diferente. É unha explosión. É un carnaval. É un disparate. É unha expresión de shock convertida nun absurdo de ritmo frenético. Unha mestura de xogo e movemento que dende a cor e o brillo cristaliza unha idea sinistra tras a néboa da festa: por que corren estas dúas criaturas? Que ven que lles fai fuxir sen pausa cara diante? Que lles aterra tanto?
Quizais non lles gusta o que ven aquí abaixo. Ou quizais esas criaturas chegadas doutra galaxia somos todxs nós reflectidxs nun espello inesperado. Correndo ata quedar sen alento para chegar a non sabemos onde - 22h no Palco da Música da Alameda Gorrilla Dj Set ata ás 23h para pechar o festival festexando con moito baile
Todas as actividades agás os obradoiros e o percorrido artístico son de balde.
Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, pretende transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian o arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independentes de Galicia. Este proxecto comeza como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a sua práctica e desfrute na cidade de Vigo.
Máis
Hora
26 setembro, 2024 12:00 - 28 setembro, 2024 22:59(GMT+01:00)
Localización
Alameda de Bouzas
Plaza Independencia Praza da Independencia 36211 Vigo Pontevedra
Séguenos nas redes