xuño, 2021

10xuñ16:00Evento virtualConversas Tea Mariñeira: 'Os milagres das latas e dos peixes'ACTIVIDADES PARA O COCO | De balde16:00

Detalles do eventos

Trátase de fío a fío ir tecendo unha ‘tea mariñeira’ coa que pór en valor o mar en Galicia. Esta é a idea coa que o curso de especialista de Innovación, Competitividade e Emprendemento, Icemar, dirixido polas profesoras Maruxa Álvarez e Ángeles Pariente, acaba de pór en marcha o Ciclo de conversas Tea Mariñeira, unha actividade na que  profesionais de diferentes sectores relacionados co mundo marítimo dan a súa visión sobre o impacto que a súa obra e profesión ten no achegamento do mar á sociedade.

En liña e con carácter totalmente gratuíto, as charlas arrancaron o pasado día 27 cunha mesa redonda conformada exclusivamente por mulleres do mar. Con perfís profesionais moi distintos, falouse de relevo mariñeiro, deportivo e naval e, para iso, contouse coa participación de Concepción Lavid, primeira patroa maior dunha confraría de pescadores en España e directora do centro Educar e aprender, en Ames; María Calvo, licenciada en Ciencias do Mar e fundadora de Arenaria, empresa dedicada á organización de actividades de educación ambiental e divulgación científica; Elena Fernández, técnica de proxectos europeos da Asociación Galega de Actividades Náuticas; Patricia Suárez, deportista galega de alto nivel que forma parte do grupo preolímpico da Real Federación Española de Vela, e Genma Laso, consultora en Inxenia e responsable da campañas Superpeixiño –promovida pola Acerga, a Asociación de Armadores do Cerco de Galicia- e Batéate –impulsada por Opmega, a organización máis representativa do sector mexilloeiro-. Neste ‘tecido de experiencias’, houbo tamén a oportunidade de realizar unha conexión dende o mar, neste caso grazas a Mari León, mariñeira da frota do cerco. 

Xoves pola tarde, en directo vía web

As charlas lévanse a cabo os xoves, desde as 16.00 ata as 18.00 horas. Esta semana a conversa levará por título Os milagres das latas e dos peixes e nela contarase coas testemuñas de Javier Rodríguez, director de exportacións en FrioAntartic SA, firma especializada na comercialización de peixe conxelado; Pablo Cámara, director de compras en Clavo Food Factory SA, empresa dedicada á elaboración, fabricación, importación, exportación e comercialización de peixes precociñados, platos preparados e produtos alimenticios conxelados; Lucrecia M. García; directora na Real Conservera Española, entidade herdeira dunha saga de más de 90 anos e tres xeracións dedicadas ás conservas de peixe e marisco de calidade; e Javier Herrera, socio fundador e xerente de Takopesca, dedicada á venta ao por maior de marisco e peixe fresco e conxelado.

A última xornada do ciclo, Converter o invisible en visible, será o vindeiro xoves día 17 e nela ‘tecerán’ xuntos o escritor Domingo Villar e o catedrático da UVigo, Jesús Souza, investigador do Centro de Investigación Mariña, ex-decano da Facultade de Ciencias do Mar e integrante de distintas campañas oceanográficas e expedicións científicas. Ademais, participarán tamén Antonio Castro, director de proxectos na asociación Chelonia, entidade internacional sen ánimo de lucro, dirixida a realizar estudos científicos e de conservación de especies e ecosistemas ameazados, así como á execución de proxectos de cooperación internacional; Patricia Sánchez, do proxecto Ewa, no que se integran diferentes creadores vigueses na busca da transformación dos espazos públicos a través da arte e a poesía, e Doni Murgiondo, da Axencia Europea de Control da Pesca.

Máis

Hora

(Xoves) 16:00

Detalles do evento virtual

O evento xa tivo lugar!

X