PORTAMERICA
CAMELIAS NADAL

A primeira exposición con fondos propios do Museo Marco reúne o traballo de tres mulleres artistas

05dec(dec 5)11:0009mar(mar 9)21:00A primeira exposición con fondos propios do Museo Marco reúne o traballo de tres mulleres artistasARTE E MUSEOS | De balde11:00 - (marzo 9) 21:00(GMT+01:00) Museo Marco

Detalles do eventos

A colección do MARCO, incipiente, sinala o seu campo de incidencia na súa primeira exposición con fondos propios. ‘Unha imaxe de si’ reúne a obra central de tres artistas: unha viguesa, outra bilbaína residente en Pontevedra e unha terceira cubana residente en México. A intención da proposta é clara: poñer en relación a mellor arte galega coa exterior, especialmente a peninsular e a americana, en sintonía coa nosa historia.

Das tres artistas seleccionadas móstrase unha ampla representación do seu traballo –case a xeito de pequenas exposicióes de cámara, con ese ambiente íntimo característico, no que cada proposta só se ve alterada pola presenza das outras. Elíxense temas afíns como son a identidade, o autorretrato, a presenza do corpo, a vindicación da condición feminina, as referencias á historia, á arte, a símbolos de culturas próximas por o vivido ou polo emocional.

Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, 1957) e Andrea Costas Lago (Vigo, 1978) recoñecen en Marta María Pérez Bravo (A Habana, 1959) un referente ético e estético, pero a ela lle sorprende a rotundidade e o toque persoal das propostas das súas compañeiras. E nese diálogo, nesa complicidade de obxectivos, é onde o espectador asiste a ese xogo de miradas, de ecos e sorpresas que está sempre presente na arte.

“A autorrepresentación configurouse nas últimas décadas como un dos eixes máis produtivos dentro da creación artística. Dende o auxe da performance a partir de finais dos anos sesenta, pasando pola irrupción da perspectiva de xénero e o despregamento da teoría feminista na esfera da arte, ata chegar ao máis recente xiro autobiográfico, a autorrepresentación aparece como unha ferramenta decisiva para abordar toda unha serie de aspectos relacionados coa produción da identidade, a construción do suxeito, a representación do corpo ou a exploración e manifestación da subxectividade.
Yolanda Herranz Pascual (Barakaldo, 1957), Marta María Pérez Bravo (A Habana, 1959) e Andrea Costas Lago (Vigo, 1978), son tres artistas que afondaron nestes territorios dende diferentes perspectivas. A confluencia das súas propostas nesta exposición, a partir de obras pertencentes á Colección do MARCO de Vigo, permite facer unha lectura, non só das temáticas apuntadas ao redor da identidade, o corpo, o suxeito ou a subxectividade, senón tamén de dous campos estreitamente relacionados coa autorrepresentación e o autobiográfico como son o autorretrato e a performance, nos que a fotografía, e por extensión o vídeo, aparecen como medios privilexiados para o seu desenvolvemento. Estas tres creadoras, con maior ou menor intensidade ao longo da súa traxectoria, acudiron ao autorretrato como ámbito de indagación onde o propio corpo, como expresión e autorrepresentación do propio eu, aparece como o territorio físico, simbólico e social dende o que explorar e manifestar diversas subxectividades, construírse como suxeitos, cuestionar identidades e adscricións tanto a nivel individual como colectivo, ou revelar, en suma, o carácter fluído e ambiguo da interioridade subxectiva. Un impulso performativo alimenta e sustenta as súas propostas nesta dirección, non xa só polo manifesto tránsito pola corporalidade, polo rastro de experiencialidade que hai nelas, ou polo acusado sentido de
interioridade que albergan, senón tamén pola súa capacidade para alentar a exploración da subxectividade como vía de transformación.

Horarios apertura:
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30

Máis

Hora

5 decembro, 2024 11:00 - 9 marzo, 2025 21:00(GMT+01:00)