REVISTA NADAL

Preestréase ‘Monstera’, unha produción audiovisual ambiciosa con selo vigués

O pasado sábado 11 o restaurante temático Puro Delirio acollía a preestrea de Monstera, curtametraxe producida por Alfonso Zarauza e Coven Films seleccionada polo catálogo Shorts From Galicia 2025. Entre os responsables da obra atópase talento con selo vigués.

Fotograma da curta | Cedida

Esta produción resalta o talento de Vigo e a súa rexión, xa que gran parte do seu equipo humano ten raíces na cidade. Producida por Coven Films, ACT Galicia (ambas as produtoras viguesas) e Maruxiña Film Company, Monstera supón o primeiro guión orixinal da tamén viguesa Amanda Seijas, e a terceira curtametraxe do director Diego R. Abale. Tras producir Canibalismo, que lles valeu máis de 40 seleccións e varios premios (entre eles un Meliés de Prata en Polonia como Mellor Curtametraxe Fantástica Europeo), ambos penetran nun novo terreo con Monstera, achegando unha visión irónica sobre as relacións de parella, o amor e o desamor.

Co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e o ICAA, a curta contou co patrocinio de empresas locais como Casaplanta ou Stellantis, cuxa colaboración demostra a sinerxia entre o sector cultural e o tecido empresarial de Vigo. Ademais, contan co apoio de Cafés Candelas e a marca catalá Väcka, así como a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cangas.

O evento en Puro Delirio foi un momento íntimo para celebrar o esforzo e a dedicación de todos os que fixeron posible Monstera. Con esta presentación, a curtametraxe inicia un emocionante camiño no circuíto de festivais da man de Cream Shorts, unha distribuidora boutique que elixe un número limitado e selecto de pezas audiovisuais cada ano.

Monstera é unha reflexión sobre a tensión cotiá e , ás veces, absurda, das parellas: Ana espera ao seu mozo Marcos, a piques de chegar a casa tras unha longa viaxe de negocios. Desátase entre ambos unha violenta discusión cando el se dá conta de que Ana non coidou da súa planta favorita: unha pequena e delicada Monstera abigarrada.