CAMELIAS MASCOTAS

‘Espazo en espera’, unha finde chea de movemento no MARCO

A partir do xoves 19 de setembro, e durante catro días consecutivos, os espazos do primeiro andar do MARCO ábrense a unha experiencia escénica e participativa, a través da proposta Espazo en espera, dirixida por A Artística (Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez), coa colaboración de dez artistas convidados. Todas as actuacións serán de balde a partir das 18:00, agás o domingo que será ás 12:00 do mediodía.

Sala do MARCO coa exposición ‘Atlas de soidade’, de Xosé Luís Otero | Pablo V.

Espazo en espera é o título dun proxecto que reúne varias disciplinas artísticas. Nesta proposta colectiva, aproveitando a desmontaxe das actuais exposicións do museo e a montaxe das futuras, o obxectivo é reflexionar sobre o propio lugar, converter as salas en lugares de acumulación de experiencias, nun “espazo en espera”, a través de distintas accións, performances e intervencións baseadas na imaxe, no son, no movemento e na palabra.

REVISTA NOVEMBRO

A proposta procura a participación do público, considerando o Museo como lugar de intervención cidadá e de encontro, alén da súa visión como espazo expositivo. Doce artistas de linguaxes diferentes (audiovisual, musical, plástico, téxtil, escénico, literario) ofrecerán claves e acompañarán aos visitantes/participantes a construír unha persoal e nova visión dese espazo.

O MARCO será falado, pintado, visionado, musicado, interpretado, danzado e vestido coas accións dos artistas e de todas as persoas que queiran participar. O xoves, Laura Iturralde, Avelina Pérez e Mónica de Nut irrompen en escena con Belial. Desobediencia e vandalismo. Ao día seguinte, con Epoché do futuro, Silvia Penas, Xavier Bértolo e Diego Buceta ofrecerán a súa propia visión do espazo como forma de espera, mediante experiencias centradas na percepción sonora e visual. O sábado, Alfredo Rodríguez, Ailén Kendelman, Miriam Rodríguez e Olga Cameselle introducen a idea de xogo, creando un bucle de palabras, sons e movementos con Se o espazo entra en apnea, nós xogamos azarosamente como elementos de inhalación-exhalación. Pecharase o programa cunha sesión matinal o domingo, a cargo de La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil), e o seu obradoiro nómade centrado na costura e o material téxtil titulado Vísteme a modo que teño présa. Todas as propostas serán de 18:00 a 21:00 agás esta última, que será de 12:00 a 14:00.

Durante as accións formularanse preguntas, pensando neses espazos baleiros que se ocupan. As intervencións funcionarán en continuidade, e queda aberta a posibilidade de que as pegadas e materiais que se poidan ir xerando se utilicen nas seguintes sesións, como acumulación das experiencias e visións das persoas participantes.

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Museo Marco

(GMT+01:00) Museo Marco