Dez novos percorridos para coñecer Vigo e a súa historia
Tras o éxito da pasada edición, volve a iniciativa Coñece Vigo, unha serie de 10 roteiros gratuítos que terán lugar desde marzo ata finais de maio. Novas rutas cheas de segredos que volverán a contar con guías turísticas para dar información ao detalle e incluirán autobús e catamarán.
Tras lanzar a primeira edición o ano pasado, a Xunta recibiu nos primeiros 10 días máis de 5000 solicitudes, enchendo todos os itinerarios programados. Este ano volve o programa Coñece Vigo con 10 novos roteiros, que afondarán novamente na historia, a cultura, a economía e o patrimonio cultural da cidade. A iniciativa, totalmente de balde, busca ofrecer aos vigueses a oportunidade de saber máis sobre a súa cidade. Pronto estarán a disposición dos cidadáns na páxina web de turismo.gal.
Así, a proposta de As Nosas Orixes, que inclúe o Museo do Mar de Galicia, permitirá aos participantes viaxar ao pasado para profundar nas raíces castrexas e romanas da cidade; coñecer como vivían os antergos e asistir a unha demostración de artesanía tradicional de palla e silva, material co que se facían os obxectos da vida cotiá hai máis de 2500 anos.
Os Xardíns de Vigo ofrecerá a posibilidade de coñecer moitas das variedades florais que agroman na cidade cunha ruta que incorpora dúas das zonas verdes de maior relevancia na urbe, os xardíns da Alameda e do Pazo Quiñones de León. O Vigo da Conserva descubrirá o vínculo entre o mundo da conserva e o Vigo de hoxe en día, achegando aos visitantes ao Museo de Anfaco para dar resposta a cal foi a orixe desta industria ou como era o Vigo conserveiro de hai 100 anos e ao Centro Tecnolóxico da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados.
E tratándose de vínculos co sector do mar, non podería faltar A Ría de Vigo, ruta pola que chegaron a cidade fenicios, celtas, romanos, normandos, piratas, turcos e ingleses; O Bouzas Mariñeiro e a súa lenda sobre o Cabaleiro das Cunchas; ou O Casco Vello e o seu nexo histórico co porto e actividade pesqueira. A programación tamén inclúe visitas ás Illas Cíes, un dos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, para coñecer todos os detalles da flora, fauna e riqueza natural deste paraíso.
O Vigo do Século XIX, da man dunha guía moi especial caracterizada de Irene Ceballos, ilustre veciña viguesa á que lle debe o seu nome o Instituto Santa Irene e asemade esposa de Policarpo Sanz, ofrecerá aos cidadáns unha oportunidade única de coñecer a complexa sociedade desta época. O seu carácter conserveiro fixo que os persoeiros se servisen da arquitectura para reclamar a súa importancia na cidade deixando unha interesante pegada en Vigo que se poderá coñecer coa ruta de A Arquitectura do Século XIX. E por último, a Ruta Celeste que permitirá coñecer ao detalle todo o que rodea ao Real Club Celta de Vigo, a súa historia, os seus xogadores ou o seu museo.