‘Delirio Sketchs’, comedia drag ao estilo Monty Python
A produtora audiovisual viguesa Cru Producións está detrás de Delirio Sketchs, unha webserie de humor irreverente coa que crear espazos de identificación para as persoas que a industria deixa fóra. Actualmente teñen unha campaña de micromecenado aberta para poder levar a cabo os cinco capítulos.
“Dado que o elenco non é profesional está bastante ben”, “No lo entiendo”, “Recargado e efectista”, “É como si os frikis da clase conseguisen cartos públicos”… Estas son algunhas das críticas (inventadas) que recibiu Delirio Sketchs da pluma de Grials, Carlos Voyeur, Neew York Fines ou A Quinta Parede. Cru Producións, unha produtora audiovisual viguesa, abre un crowdfunding para poder financiar un cinema irreverente co que crear espazos de identificación para as persoas que a industria deixa fóra.
O tráiler que veñen de publicar co lanzamento da súa campaña de mecenado xa é toda unha declaración de intencións. De onde veñen e cara onde van. “Creamos un espazo de identificación. Un lugar onde atoparnos como persoas galegas desde o entretemento”, explican dende a produtora sinalando a unha industria que parece non querer deixar oco ás identidades non normativas.
Delirio Sketchs é unha serie de humor de cinco capítulos cargados de intensidade e comedia febril nos que se abordan, desde o surrealismo, diferentes problemáticas que afectan á nosa sociedade. “Conteñen múltiples temáticas que son as que se corresponden coas diferentes cosmovisións deste lado do planeta”, engaden dende Cru Producións. Nesta nova serie que comezará a producirse este ano están chamadas a participar diferentes persoas importantes da cultura galega dixital, pop e underground que consideran que merecen unha representación audiovisual á que non sempre poden acceder: Meiga-i, O Rabelo, Peter Punk, Marinita y sus Maromas, Olaxonmario…
O obxectivo mínimo da campaña de mecenado son 2750€, co que financiarían a produción do primeiro episodio. Con todo, a meta ideal serían 4250€, cos que poderían cubrir o custe dos tres primeiros capítulos e lanzar un EP de tres temas. Se alcanzan unha cantidade maior publicarían a serie completa de 5 episodios. As achegas económicas van desde os 5€ ata os 500€, e en cada unha delas desvélannos algunhas das súas influencias: Amanece que no es poco de José Luis Cuerda, Matilda de Dani Devitto, Muchachada Nui dos Chanantes, Pink Flamingos de John Waters, Life of Brian de Monty Python… No momento de escribir estas liñas a campaña leva recadados algo menos de 2000€.