BANNER PLAYDOC

Daniel Sánchez Arévalo, convidado de luxo na XXII edición do Festival de Cans

Entre o martes 20 e o sábado 24 de maio o Festival de Cans regresa á vila porriñesa coa súa XXII edición, que destaca pola presenza de grandes nomes do cinema, a riqueza da súa programación tanto audiovisual como musical e a súa vinculación con temas como o antimilitarismo e a memoria.

Pasada edición do Festival de Cans | Lara Alonso

O Festival de Cans (O Porriño) é un festival de curtametraxes de produción galega que, desde o ano 2004, se celebra en paralelo ao seu (case) homónimo Festival de Cannes (Francia). Durante o festival, a aldea transfórmase completamente. Diferentes espazos se converten en salas de proxección, adegas, alpendres, jalpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas.

Entre os nomes que pasarán pola edición deste ano destaca o madrileño Daniel Sánchez Arévalo. O director de AzulOscuroCasiNegro (2006), Gordos (2009) e La gran familia española (2013), será o protagonista do emblemático coloquio central no Torreiro, o sábado ás 12:00 h. Grazas ao seu vindeiro filme, Rondallas, xa acadou unha certa expectación entre o público da comarca. Ademais, tamén estará na sección Extracans, recentemente recuperada, presentando Pipiolos (2024), unha curta que vén de triunfar no Festival de Cine de Málaga.

Antes de nós, a obra de Ángeles Huerta sobre Castelao, é unha das preto de corenta estreas coas que conta o festival. Tamén cabe destacar o documental de Fernando Rodríguez, Crónicas dun non, que se mergulla no movemento dos insubmisos, aqueles mozos que se negaron a facer o servizo militar na década dos noventa.

Fotograma de Antes que nós | Cedida

Ademais, grazas ás competicións oficiais Novas Camadas, Furacáns e Ficción e Animación, vintecinco curtametraxes poderán verse por primeira vez en Galicia. A gran maioría abordan cuestións como a memoria, o despoboamento ou a identidade rural desde a perspectiva de cineastas galegos como, por exemplo, Fon Cortizo, Diego R. Aballe, Alba Pino, Ariadna Cordal, Alejandro Jato ou Pablo Dopazo.

Como afirmou Alfonso Pato, o director do festival, é “un festival único pola implicación dos veciños, de escala humana, afastado da voráxine dos macrofestivais, e escaparate dunha xeración que se achega ao rural cunha nova mirada. Cans é unha xanela aberta á creatividade e á reflexión crítica“.

A maiores das retrospectivas ao cineasta boliviano Alejandro Loayza Grisi e ao galego Alfonso Zarauza, Premio Pedigree, celebraránse outros encontros con profesionais do sector como Tamar Novas, María Vázquez, Anxos Fazáns ou Adrián Canoura. Así mesmo, na línea da memoria histórica, haberá unha homenaxe a Alfredo Bautista Alconero, o prisioneiro e caricaturista dos presos de San Simón que protagonizou o documental Aillados (Antonio Caeiro, 2001).

María Vázquez | P. Vázquez

Pola outra banda, a programación musical tamén é ben completa, contando con máis de vintecinco actuacións entre as que destacan nomes como Biznaga, Guadalupe Plata, Susana Seivane ou Mondra. Este último encargarase de poñer música a Miss Leyda (José Gil, 1916), a primeira obra de ficción galega, na que actúa Castelao.

REVISTA MAIO

Se queres ver a programación día a día, preme AQUÍ.