REVISTA ABRIL

‘Crip Camp’ e ‘Cuerdas’ galardonados no V Festival de Cine Inclusivo de Vigo

Tras cinco días de proxeccións gratuítas no Auditorio do Concello e nos cines Salesianos, a quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo chegou ao seu fin. Os principais galardóns recaeron no documental producido polos Obama Crip Camp e a ópera prima de Jose Luis Montesinos Cuerdas na sección de longas de ficción.

Un total de 28 proxeccións e tres actividades paralelas compuxeron a programación do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo. Un ano máis este evento quixo facer reflexionar sobre a inclusión en tódolos seus ámbitos e fixo que parte a programación fose accesible para persoas que sofren discapacidades auditivas ou visuais. Onte, tras as últimas proxeccións do festival, coñecimos os premiados desta edición.

Crip Camp de James Lebrecht e Nicole Newnham álzase co premio á mellor longa documental. Esta producción dos Obama conta a historia do campamento de verán para mozos con discapacidade organizado por hippies nas montañas de Catskills, que foi o berce da loita pola igualdade e os dereitos civís. Na sección de longas de ficción o premio recaeu no español Jose Luis Montesinos, coa súa ópera prima Cuerdas, na que narra a historia dunha moza en cadeira de rodas ante a ameaza inesperada durante o seu retiro nunha masía.

REVISTA ABRIL

Nas diferentes seccións de curtametraxes os premios repartíronse da seguinte maneira: o galardón para a mellor curta documental foi para Paraíso de Mateo Cabezas, aínda que o xurado quixo conceder unha mención especial a Otra forma de caminar, de Laura Torrijos-Bescós; pola súa banda Orquesta los bengalas de David Valero Simón alzouse co premio do festival de curtas de ficción subtituladas e audioescritas. O premio CREA á mellor realización foi para o galego David Fidalgo por Homomaquia e o premio AGAG ao mellor guión para Xoves de comadres da viguesa Noemí Chantada que tamén levou o premio do público á mellor curta.

Este ano celebrouse a primeira edición do concurso de webseries online a través da páxina web do festival. A participación foi moi alta e finalmente os votos do público decidiron que o premio nesta categoría recaia sobre Indetectables, de Sonia Sebastián.

Os trofeos que recibiron os gañadores na gala de clausura, que se celebrou esta tarde noite no Auditorio do Concello, foron elaborados pola escola de cantería de Pontevedra. Os galardóns, a modo de pequenas esculturas, están elaborados en granito silvestre cunha base de granito negro. As pezas simulan en planos xeométricos unhas mans portadoras dun obxectivo fotográfico e levan incluída unha placa gravada que detalla a modalidade de cada un dos premios. O galardón complétase cunha aportación económica en cada unha das categorías.