Coruxo Móvese pola integración
O vindeiro 10 de xuño vai ter lugar un dos eventos deportivos máis inclusivos que teñen lugar na nosa cidade, a 5ª edición da Coruxo Móvese. Unha xornada na que pode participar o público de tódalas idades e condicións sempre que teñan como obxectivo pasalo ben. Consta de tres probas: unha carreira de orientación, andaina accesible e un torneo infantil.
Un evento deportivo para todos. Esa é a máxima da Coruxo Móvese que se celebrará o vindeiro día 10 de xuño. Unha xornada na que o deporte e a mobilidade son os grandes protagonistas. É a quinta edición desta actividade organizada pola Fundació Isidre Esteve, que ten por obxectivo mellorar a vida das persoas con discapacidade ou mobilidade reducida. As probas do evento estarán adaptadas para que todos podamos participar.
As actividades principais son tres. A primeira en comezar é o torneo infantil ‘Ponte na súa pel’ ás 10:30 da mañá. Os rapaces poderán practicar deportes adaptados e, así, pórse no lugar dos nenos con discapacidade. Ás 11:30 terá lugar a carreira de orientación por equipos que deben estar formados por 4 ou 5 persoas. Trátase dun circuíto accesible no que cada grupo irá deseñando a súa propia traxectoria para ir na procura das diferentes balizas. A puntuación final de cada equipo será a suma do tempo máis dos puntos que acumulen coas balizas. Por último, ás 12:30 sairá a andaina accesible do campo de Fútbol do Coruxo. Todos os participantes salvarán os 5 quilómetros deste percorrido circular que rodea a Illa de Toralla.
Ademais, para espertar con ritmo e comezar o día con boa enerxía ás 10:30 está programada unha masterclass de zumba a cargo de Ana Freire. E, durante toda a mañá, haberá unha zona infantil para os máis cativos da casa. Alí poderán gozar coas actividades e xogos propostos polas monitoras.
As inscricións xa están abertas a través da web www.fundacionisidreesteve.org. Cada participante deberá aboar 15 € que inclúen a participación no evento, unha camiseta conmemorativa, unha bolsa de obsequios e a comida popular que será o broche final a esta xornada lúdica no Vao.