CASAACUNHA

Conversa con Martiño Noriega e Daniel Salgado na libraría Andel

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e o xornalista, Daniel Salgado, presentan esta tarde na libraría Andel o libro A contradición permanente, no que conversan sobre os cambios políticos que tiveron lugar en Galicia durante os últimos 5 anos (2012-2017). No acto participará tamén, o escritor e director de Xerais Manuel Bragado.

Banner A Movidiña

Farán unha análise sobre a excisión do BNG e a aparición de novos partidos en Galicia. A irrupción das Mareas nas cidades galegas e reflexionarán sobre os erros que a esquerda ten cometido en Galicia para que o PP continúe no goberno da Xunta.

A contradición permanente inclúe doce conversas, nove cronolóxicas e tres ‘transversais’ sobre comunicación e política, a relación ‘coas outras esquerdas’, e a nova política. Péchase cun capítulo de ‘contextualización’ por cada un dos cinco anos.

Sipnose do libro:
Hai anos en que todo se acelera. Xornadas que valen por décadas anódinas. Momentos en que rompe a continuidade da historia e abre paso a novas experiencias, a contradicións antes non exploradas. Entre 2012 e 2017 a esquerda e o nacionalismo galego viviron un destes períodos excepcionais. Como tradución na instancia política da brutal crise económica, as rupturas e recomposicións marcaron o campo progresista: das escisións no BNG e a irrupción de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ás mareas municipalistas e a terceira lexislatura de Alberto Núñez Feijóo. Ao tempo, os novos continxentes de militantes e activistas comprobaron os límites das institucións, as propias insuficiencias ideolóxicas e a reacción do bloque dominante ao que, por veces, este percibiu como ameaza.Martiño Noriega, médico e actual alcalde de Santiago á fronte de Compostela Aberta, e mais o xornalista Daniel Salgado conversan en “A contradición permanente” sobre cinco anos de convulsións, tentativas de unidade, desencontros e avances. Trátase dunha memoria incómoda pero implicada, que procura ser útil, arredor destes tempos interesantes.

(GMT+01:00) Libraría Andel